Comunicado do Liceo Mutante


A Asociación Cultural Autoxestionada Liceo Mutante quere poñer de manifesto a súa disconformidade coa orde municipal que insta a devandita asociación o cese na súas actividades musicais polos seguintes motivos:
- O noso Local Social, sito na rúa Rosalia de Castro, 100 da cidade de Pontevedra foi sé da SC Salcedo así como tamén de Igrexas Evanxélicas, onde se viñeron realizando, históricamente, eventos musicais e sociais de todo tipo sen supor problemas de seguridade para os asistentes, un dos motivos expostos polo Concello de Pontevedra para a execución de devandita orde.
- A nosa actividade está dirixida a cidadanía de xeito desinteresado, nun espazo autoxestionado e sen ánimo de lucro. Os donativos recaudados na entrada ós eventos son íntegros para os artistas que veñen expoñer o seu traballo ó Liceo Mutante. Consideramos que este servizo á comunidade forma parte da nova realidade na que a transformación social e o crecemento cultural pasa pola iniciativa cidadá, á marxe dunhas institucións públicas cada vez máis castigadas polas políticas de austeridade.
- Reivindicamos o traballo feito ata o momento, consolidándonos coma espazo de referencia e situando a Pontevedra no mapa da cultura alternativa.
- A nosa iniciativa cultural afástase dos circuitos comerciais, dando cabida a expresións artísticas que difícilmente teñen posibilidades de difusión noutros espazos, engandindo a non existencia de actividade comercial,polo que o noso funcionar pouco ten que ver con competencias desleais cara o sector hosteleiro de ocio nocturno. A nosa labor está a colaborar co desenvolvemento dunha Pontevedra en crecemento impedindo o soterramento da diversidade cultural.
- A asistencia ós nosos eventos dista moitísimo de ser masiva, polo que rexeitamos calqueira comparación con catástrofes como a do Madrid-Arena ou similares.
- O nacemento do Liceo Mutante, así como a ubicación do seu Local Social no barrio de Mollabao, lonxe de ser unha molestia para a veciñanza, está a ser o motor revitalizador dunha zona en decadencia esquecida polos poderes públicos, polo cal contamos co apoio dos veciños para continuarmos coa nosa actividade.
Por estes motivos, a Asociación Cultural Autoxestionada Liceo Mutante, reunida en Asemblea Ordinaria de Socios o pasado xoves 21 de febreiro de 2013, acorda, por unanimidade nos votos dos asistentes, retomar a programación de concertos no noso local social. O perigo de desaparación da asociación de persistir esta situación, así coma o noso convencemento de que non somos un perxuízo para ninguén e moito menos para os nosos socios asistentes ós eventos, empurrounos a tomar esta decisión.
Apelamos ó sentido común e á sensibilidade cultural dos responsables municipais para que se nos permita seguir adiante de maneira digna e íntegra coa nosa proposta, pois consideramos que xa contamos co respaldo dun amplo sector social da cidade e doutros puntos da contorna xeográfica. O noso compromiso coa cultura, desinteresado e libre non debería ser obxecto de persecución por parte das institucións públicas.
Longa vida ó LICEO MUTANTE!

Cineclube do Liceo Mutante: Noite e Néboa + As estatuas tamén morren


Mércores 27 ás 21.00
Esta semana o Cineclube do Liceo Mutante adícalle a súa sesión ao director francés Alain Resnais, cunha dupla proxección: por un lado proxectaremos Noite e Néboa, o seu documental sobre as políticas de exterminio do terceiro reich, e tamén As estatuas tamén morren, filme feito con Chris Marker no que a través da arte africana dan conta da miseria do colonialismo

Noite e Néboa(Nuit et Brouillard, Alain Resnais, Francia,1956, 32′,VOSE)

“Cando Alain Resnais presentou Noite e néboa no Festival de Cannes de 1956, o manto de seda que cubría os rostros febles da nova humanidade, sostido polo boom capitalista do consumo e a chamada cultura de masas acabada de nacer, caeu por terra definitivamente. Porque a película de Resnais non era simplemente un informe sobre os campos de concentración, sobre o rexistro detallado e meramente documental da súa posta en evidencia, era máis ben unha profunda reflexión acerca de imposibilidade da representación; unha reflexión sobre a memoria como esixencia necesaria de resistencia ante os resultados dunha praxe nacida das entrañas dun discurso enfermo e totalizador.”
Artigo enteiro de Hernán Silvosa en español: http://www.planocenital.com.ar/2007/11/noche-y-niebla-la-memoria-como-resto.html

As estatuas tamén morren (Les statues meurent aussi,Alain Resnais Chris Marker, Franza, 1950, VOSE, 30′)

“”Cando os homes están mortos, entran na historia. Cando as estatuas están mortas, entran na arte. Esta botánica da morte é o que nós chamamos a cultura”. Así empeza a película de Marker e Resnais, unha reflexión sobre como a cultura negra foi absorbida por Occidente e explotada comercialmente. Les statues meurent aussi propón unha meditación sobre o empeño inútil da arte de burlar á morte e é un dos primeiros films que denunciou abertamente a colonización francesa en África. Un documental prohibido durante máis de dez anos e cortado pola censura francesa nun terzo da súa duración orixinal que serve como pé para reflexionar sobre como o cine se enfronta aos procesos de aculturación. ”

Entrada de balde

Obradoiro de Guión de Ficción


O guionista é o encargado de idear e desenvolver a historia dunha obra audiovisual. Xa sexa en películas, videoxogos, radio, comic, etc…, o guionista é o que marca as regras e principios nos que se baseará a obra, que permanecerá durante todo o proceso de creación, ata a súa terminación. O guión, desta forma, convértese nun texto en potencia, un texto complexo pola propia estrutura narrativa que concibe o guionista, e pola multitude de signos audiovisuais implícitos nas súas palabras.

Estes cursos e talleres pretenden dar ferramentas a todos aqueles que queren traballar nos seus propios guións. Ensinar certos procesos, técnicas e pautas, que facilitan o elaborado destas obras, a obtención de ideas e, mesmo, a súa distribución.

O curso de iniciación ao guión de ficción mostrará os principios básicos do proceso completo, que son aplicables a calquera tipo de obra audiovisual. Mentres, os talleres afondarán nas características principais dos diferentes tipos das devanditas obras. Así, haberá un taller de desenvolvemento de series de ficción, e todos os demais formatos se explicarán no taller de guión de Ficción.

Curso de iniciación ao guión de ficción:

Que é un guión?, xéneros, sinopse e tratamentos.
Procesos e técnicas para a obtención de ideas.

Desenvolvemento e tipos de estruturas.

Creación de personaxes.
Tramas e recursos narrativos.

Escenas. Situación, forma, ritmo e duración.

Diálogos e actuación.
Taller de Desenvolvemento de Series de Ficción:

O obxectivo do Taller é a creación e o desenvolvemento dunha serie de televisión deseñada segundo os parámetros da televisión en España. Para iso, simularemos con cada un dos proxectos nos que traballen os alumnos o procedemento e os pasos que se esixen dende a cadea ás produtoras.
A meta final debe consistir, non tanto en lograr un produto rematado e que se axuste á medida que requiriría a cadea, senón en coñecer e espremer cada unha das etapas do traballo e levalas a cabo en situacións e prazos análogos a aqueles nos que se desenvolven as principais produtoras españolas.
Conscientes de que á fin e ao cabo é o alumno o que impón o seu ritmo de traballo, establecemos como resultado final unha biblia e un documento de venda da serie que se poida mover por produtoras e cadeas. A este traballo persoal haberá que engadir sesións introdutorias que nos acheguen algúns dos preceptos básicos do guión televisivo. Análise de escaletas, adecuación dos diálogos, creación de tramas arcos…
O taller compoñerase de 8 sesións presenciais de dúas horas (ás que habería que engadir o traballo na casa) impartidas cada semana. Dende o 5 de marzo ao 30 de abril.

Taller de guión de Ficción:

O obxectivo do Taller é a creación e o desenvolvemento dun guión para unha longametraxe ou proxecto audiovisual. Cada alumno poderá iniciar o seu propio proxecto ou traballar nun xa empezado. O obxectivo non é tanto a creación do devandito proxecto, como a aprendizaxe das técnicas utilizadas para mellorar a estrutura do guión e desenvolver os seus valores de produción.
Nos proxectos menos extensos, obteremos unha biblia completa que nos servirá para distribuír o guión (a biblia), e, nos máis extensos, desenvolveremos un tratamento secuenciado xunto cos elementos necesarios para rematar o proxecto.
O taller compoñerase de 6 sesións presenciais de dúas horas (ás que habería que engadir o traballo na casa) impartidas cada semana. Dende o 22 de marzo ao 30 de abril.
Profesores e Colaboradores:

-Curso de Iniciación ao guión de Ficción e Taller de guión de Ficción

Sebastián Penas:

Diplomado en dirección, pola Escola Internacional de Los Baños (Cuba) e a Escola Galega de Cine, e en produción, pola Escola de Imaxe e Son de Vigo. Traballou en varias longametraxes (De Bares, Catalina, etc..) e nunha serie 3D (Freshies). Como docente, impartiu clases de montaxe e composición, en imaxe 2d e 3d.

Gerardo Costas:

Diplomado en realización, pola Escola de Imaxe e Son de Vigo. Leva varios anos dedicado á súa empresa “Producciones mutantes”, coa que realizou un sen fin de proxectos de todo tipo, sobretodo publicidade.

-Taller de Desenvolvemento de Series de Ficción

Enrique Lojo:

Licenciado en Comunicación Audiovisual pola USC, cursou o Máster de Guión de Ficción de Cine e Televisión da UPSA sendo o número un da súa promoción. Traballou en raio e televisión, como redactor e guionista de entretemento. Como docente axudou a tutorizar os proxectos de ficción dos alumnos do II Curso de Guión de Voz Audiovisual. Actualmente desenvolve diversos proxectos para televisión xunto a Francisco Carballal e David Cotarelo.

Francisco Carballal:

Licenciado en Periodismo e primeiro da súa promoción no Máster de Guión de Cine e Televisión da UPSA. Pasou a formar parte do Departamento de Ficción de Telecinco como analista de guións, onde foi responsable de contidos en series como Tierra de Lobos, Homicidios, La Fuga ou Ángel o Demonio e supervisor de contidos en Isla Producciones para a cadea. Como guionista desenvolveu xunto a Portocabo o proxecto “Geeks”, finalista nun concurso para posibles desenvolvementos en MTV USA. Actualmente imparte o Taller de Desenvolvemento no Máster de Guión da UPSA e é responsable dos proxectos dos alumnos no curso de Guión de Voz Audiovisual, onde tamén imparte clases.

-Curso de Iniciación ao guión de Ficción (4 sesións)-5Eu ou gratis (se es socio).
-Taller de Desenvolvemento de Series de Ficción (8 sesións)-15Eu ou 8 Eu (se es socio).
-Taller de guión de Ficción (6 sesioós)-8Eu ou 5 Eu (se es socio).

Inscricións a guionmutante@gmail.com

Cineclube do Liceo Mutante: Urxencias


Mércores 20 de febreiro ás 21.00
Esta semana mergullámonos no fascinante filme do director e fotógrafo francés Raymond Depardon, Urxencias (Urgences, Raymond Depardon, 1988, 90′, VOSE)

Urgences é a crónica do día a día dun hospital de urxencias psiquiátricas en París. Ao centro chegan moitos casos diversos: un condutor de autobús que sufriu unha crise nerviosa mentres conducía, un ancián que intentaba suicidarse nas escaleiras da súa casa cunha corda, unha rapaza con manía persecutoria, outra con delirium tremens, etc.
Máis información en español aquí: http://www.blogsandocs.com/?p=196&pp=2

Entrada de balde

Xornada de Reivindicación do Liceo Mutante!


Sábado 16 de febreiro ás 17:00

Queridos amigos do Liceo Mutante!

O próximo sábado 16 de febreiro as portas do Liceo abriranse para levar a cabo un evento moi especial, unha xornada de convivencia e reivindicación do Liceo Mutante.

E de que irá a historia? Pois dende as cinco da tarde as portas do Liceo estarán abertas para recibirvos nunha sorte de día de convivencia en apoio e soliedariedade coa nosa asociación. Temos preparadas unha mistura de actividades onde teremos papadela e diferentes ofertas nun mercadiño petado de cousas incríbles e postos do máis variado, ademáis de unha rifa loquísima e unha sorpresaZA! con todas as letras (sobre todo as dúas últimas)

Non tes excusa económica xa que a entrada será con donativo opcional pero o aforo será limitado, así que non sexas pailán e ven prontiño para non quedar sen sitio!
Os horarios son tal que así:

17.00: Abrimos portas, comeza o mercadiño, a merendola, e xente facendo o parvo por aí.

19.00: SorpresaZA!

21.00: Rifa loquísima! A rifa máis loca da túa vida! A partires de aí convivencia total Liceil con DJ Pelouro e proxeccións amenizando a velada.

Xente que colaborará:

Le Chanelas
Chingaste la Confianza
Berto Fojo
Natalia Umpiérrez
Tartas de Bea
Tayone
Xose Lois García
Colectivo Metamovida
Alicia Cuspedriños Brochettis
Filloas Y Mazmorras por cortesía do Obradoiro de Frikerío

Cineclube do Liceo Mutante: Crónica dun Verán

Mércores 13 de febreiro ás 21:00
Continuamos a nosa programación co filme Crónica dun Verán (Chronique d’un été, Jean Rouch e Edgar Morin, Francia, 1961, 90′, VOSG)

“Chronique d’un été comeza como un ensaio de auto-etnografía, como un filme-enquisa apoiado sobre dúas cuestións simples e aterradoras: Como vives? Es feliz? Vemos dúas entrevistadoras que asaltan os transeúntes nas rúas de París. As respostas son dispares: receosas algunhas, sorprendidas outras. Un vello afirma ser infeliz por ser vello; unha traballadora di que os traballadores nunca son felices porque sempre están baixo mínimos no terreo financeiro; un estudante mostra o libro que lía no metro. Pero hai un momento en que a linealidade propia da reportaxe se quebra. A cámara, que permanecera a unha prudente distancia durante as entrevistas aos camiñantes anónimos, agora aproxímase. Xa non se fixa neles, senón no rostro de quen sostiña o micrófono.”
Artigo completo en español aquí: http://amputaciones.blogspot.com.es/2009/01/el-ojo-rojo-casi-felices-sobre.html

Entrevista sobre o filme traducida ao galego por Xan G. Viñas
aquí: http://cineclubedecompostela.blogaliza.org/files/2007/04/entrevista-jean-rouch.pdf

Entrada de balde

Cineclube do Liceo Mutante: O gran caos


Mércores 6 de febreiro ás 21:00
Este mércores asomámonos ao mundo do director alemán Alexander Kluge cos proxección do seu filme O gran caos (Der Große Verhau, Alexander Kluge, Alemania, 1971, 86′ VOSE)

Neste filme Kluge conxura a súa moi persoal visión da ciencia ficción, a sátira política e a comedia.

Ano 2034. O espazo exterior está dominado por compañías cobizosas. Dous astronautas, non moi intelixentes, malviven grazas aos seus negocios sucios, o contrabando e o asalto de naves espaciais

Entrada de balde

Tece que tece volve en febreiro!


Volve o Tece que tece no mes de febreiro. Neste curso poderás inciarte ó mundo da calceta, aprender diferentes puntos ou plantexarte novos retos tricotosos, compartindo experiencias e de charla na mellor compañía. Todo isto da man da nosa guía e mestra Ángela Valdenebro.

Se estás iniciándote recomendámoste comezar cunha la ben gordiña do número 6 ou 8, coas agullas do mesmo número. Se tes algunha dúbida sobre os materiais, coméntanola no momento de reservar a plaza indicarémoste cáles son os materiais máis indicados para cada caso.

O obradoiro realizarase todos os luns do mes de febreiro, é dicir do 4 ó 25, das 20:00 ás 22:00 horas.

O prezo serán 15 euros para os/as non socios/as e 10 euros para os/as socios/as.

Haberá límite de prazas, dáte présa e non esquezas enviar a túa mensaxe a tecequetece@gmail.com para te inscribir.