17 abril 2017

7000 Eichen (Nicola Hein & Matthias Muche)



7000 eichen

Sábado 22 de outubro ás 20.30

Di Alvin Curran: » a improvisación é a arte de chegar a ser son. […]
É a arte de vivir atento, constante e perigosamente cada momento. É a arte de camiñar fóra do tempo, desaparecendo nel, convertíndose nel. En ambas cousas, a fina arte da escoita e da resposta e a máis refinada arte do silencio. A única arte musical onde a partitura está propiamente nun mesmo e nos outros, no lugar e no momento que sucede. A improvisación é a única arte que está baseada enteiramente na confianza humana»
Por todo isto andamos moi contentas no Liceo de ter unha nova velada de música espontánea,de improvisación libre, de free jazz, de sorpresas, grazas a visita do dúo alemán 7000 Eichen.

7000 Eichen tocan música improvisada libremente. Un trombón e unha guitarra eléctrica. Matthias Muche e Nicola L. Hein. Empregan unha chea de sons idiosincráticos e a aplicación atomizada deles forma a columna vertebral da súa música. Contrariamente a tradición reduccionista, estes conceptos sónicos son executados de xeito altamente dinámico, cunha enerxía explosiva, dando como resultado unha música marcada por unha enorme variedade tímbrica e unha execución de gran enerxía.

Nicola L. Hein é guitarrista, artista sonoro, filósofo e compositor. Un dos músicos máis imaxinativos da escea alemana. Toca a guitarra coa man ou a púa mais tamén con parafusos, regras, imáns, papel de alumnio, peines, arco de violín, etc… dando resultado un mundo propio de sons que emprega o rico potencial da guitarra como fonte sonora. Ten colaborado con músicos como: Evan Parker, Phil Minton, John Russell, Paul Lytton, Frank Gratkwoski, Tobias Delius, Liz Allbee, Ute Wassermann, John Butcher, Axel Dörner, Thomas Lehn, Tristan Honsinger, Sofía Jernberg, Audrey Chen,etc…

Matthias Muche é trombonista e artista. Pertence a esa saga de trombonistas valentes e arriscados como os irmáns Bauer, Paul Rutherford ou Radu Malfatti.
Como artista Muche conecta o mundo da música contemporánea e New Music, experimenta cun auditorio simbiótico, interpelado, traballa con procesos de composición visuais e as súas presentacións motivan, intensifican e retroalimentan estas relacións.
Como músico traballa nos campos da música improvisada, a New Music, o jazz e as malchamadas músicas do mundo. Nun traballo que o levou de xira constante polo mundo e que lle permitiu traballar con múltiples orquestras ontemporáneas e músicos como: Misha Mengelberg, Sidsel Endresen, Larry Ochs, John Tilbury, Elliott Sharp, Michel Doneda, Nate Wooley ou Robyn Schulkowsky.
http://matthiasmuche.com/

Pedíremos un donativo dentre 5 e 8 € para axudar a cubrir os gastos dos músicos

Guardar