Domingo 22 de setembro ás 20.30
Trío de míticos no Liceo. Choiva de amizade. Aluvión de estilo e clase.
Todo isto enfiado nunha cadeniña de pop minimalista, certeiro, intenso. A Veces Ciclón son Óscar Vilariño (Musel, Mullet, Devalo, Vale Tudo, Volonté TAB…), Marcos Junquera (Betunizer, Estrategia Lo Capto!, Orquesta del Caballo Ganador, Laetitia Sadier…) e Xavi Muñoz (Laetitia Sadier, Litius…).
O trío entrégase en corpo e alma a un proxecto melancólico e enigmático que debuta cun CD homónimo de 7 cancións -con temas en castelán e en galego- nos que ecoan La Jr, AR Kane, Ry Cooder, Slint ou os primeiros Sr. Chinarro.
http://avecesciclon.bandcamp.com/
Como no parto dunha res nunha corte ou no zumbido dun valo electrificado no monte, unha desconcertante pero agradable tensión latexa subxacente baixo a aparentemente tranquila topografía sonora de A Veces Ciclón.
Non é gratuíta a concesión ao rural: Óscar Vilariño quere falar dos cambios de estación («Primavera»), do cotián («Servilletas»), da obsesiva distorsión do habitual («Siesta»). O coruñés, lonxe de quedar nisto, riza o rizo e utiliza a súa omnipresente guitarra e a súa tímida voz entrante e saínte como vehículo para un pasaxeiro que é máis unha sensación que unha idea: o runrún das emocións que, por cocerse a pouco lume, son desvastadoras, e os efectos que poden chegar a causar.
Gran parte da culpa é da base rítmica maxistralmente regalada pola batería Marcos Junquera e o baixista/teclista Xavi Muñoz, que fan vibrar o subsolo sensitivo da Veces Ciclón, achegando a faísca de violencia contida que remata unha amálgama elegante, brillante e enerxética
Son ademais a última fichaxe de Acuarela, que ven de publicar a primeira referencia da banda e que están a presentar por tódos os lados.
Unha noite recollida e de primeira, só por catro leuros coma donativo para as gasolineras, ou gratis se xa estás no rexistro mutante.