16 diciembre 2015

Alberto Montero + Marrones Burócratas



amontero

Venres 18 de decembro ás 20.00: Alberto Montero + Marrones Burócratas

Enchemos o peito para presentarvos unha desas noitiñas douradas que tanto nos alimentan o espírito. Nunha mesma data poderemos disfrutar do caleidoscopio pop de Alberto e a súa banda e da introspección áspera de Marrones Burócratas.

ALBERTO MONTERO
Xa pasou un tempiño dende a súa primeira visita, acompañado daquela pola nosa querida Aries, e tiñamos unhas ganas enormes de telo de volta, máis aínda logo de ter escoitado en bucle o seu fermosísimo novo disco: Arco Mediterráneo. As cancións de Alberto son esculturais, serpenteantes coma auga fresca; beben das músicas máis luminosas do mundo e dan voltas na cabeza ó marchar a durmir. Engadamos que a banda que o acompaña en directo está formada polas armonías vocais e a guitarra de Román Gil, o baixo acolchado de Xavi Muñoz (A Veces Ciclón, Laetitia Sadier, Dorian Wood…) e os tambores inimitables do xa case residente do Liceo Marcos Junquera (Betunizer, A Veces Ciclón, Orquesta del Caballo Ganador e mil movidas máis).

https://albertomontero.bandcamp.com/album/arco-mediterr-neo
https://www.facebook.com/Alberto-Montero-249927811692657/

MARRONES BURÓCRATAS
É o nome que utiliza o mutante Toño Rodríguez Magariños (Unicornibot, Diola) para dar luz a un mundo propio o suficientemente vasto como para precisar un proxecto autónomo. Non é sinxelo ver a Marrones Burócratas: só aparecen en directo unha vez ó ano (normalmente para presentar un disco tamén anual, pero non desta vez), en lugares de aforo reducido e escenarios especiais. Este ano quixeron compartir ese día co seu admirado Alberto Montero e nós frotamos as mans. A Toño acompáñano nin máis nin menos que Elena Vázquez (Trilitrate) e Rubén Abad (Cró, Trilitrate) na posta en escea da súa confesión pop.

https://marronesburocratas.bandcamp.com/

O donativo da entrada será de 5€, destinados íntegramente, coma sempre, ós artistas.