25 julio 2015

Alfredo Costa Monteiro & Miguel A. García + Alexandre Losada



10583857_10152648853354198_6294292153192008540_n
DSCN1809

Alfredo Costa Monteiro é un artista e poeta sonoro con longa traxectoria internacional. .
O seu traballo abrangue principalmente o son, pero tamén a poesía visual/sonora e as artes visuais. A maioría das súas obras, a miúdo de factura doméstica, están feitas de procesos inestables, de restricións conceptuais ou de sistemas formais dunha simplicidade desconcertante, nos que a manipulación de obxectos como instrumentos ou instrumentos como obxectos adquire un forte carácter fenomenolóxico.
Afeito a traballar nos extremos do son, que van dende sós acústicos para papel ata accións onde o volume adquire unha presenza literalmente física, leva creando dende 2001 diversos proxectos de música improvisada, utilizando cada vez unha instrumentación diferente, como o acordeón, a guitarra preparada, o tocadiscos, diversos dispositivos electroacústicos ou obxectos resoantes, de xeito a atribuír a estes proxectos identidades e direccións múltiples.

Miguel A. García (aka Xedh) é un dos artistas sonoros máis inquedos do panorama estatal. Formado en belas artes, o seu traballo como artista abrangue a instalación, a composición e a improvisación electroacústica. Paralelamente, organiza eventos relacionados coas músicas arriscadas e disciplinas afíns.
Como material básico para as súas creacións utiliza sonoridades obtidas a partir de residuos de dispositivos electricos e electrónicos, a miúdo interrelacionándose con gravacións de campo ou instrumentos acústicos, en busca dun tipo de experiencia intima, inmersiva e intensa. Unha música de formas aventuradas e chea de contrastes, non exenta de sentido do humor, que cuestiona as fronteiras entre a «arte sonora», a música electroacústica académica, a improvisación libre, o noise, ou a chamada música outsider.
http://www.xedh.org/

Abrindo á noite estará o músico pontevedrés Alexandre Losada que leva anos traballando nas marxes da improvisación libre e a experimentación, empregando a guitarra eléctrica e os obxectos como fontes sonoras.

Pedírase unha axuda de 5 €, destinada integramente aos músicos