15 enero 2018

Antez presenta Continuum



antez 2

Venres 19 de xaneiro ás 20.30

Fai dous anos Antez deixounos coa boca aberta cando presentou o seu proxecto Continuum no Liceo, ademais tivemos a sorte de pasar uns días con el.

A experiencia do Continuum fora tan alucinante que cando nos preguntou de repetila este ano non o dubidamos un segundo.
Así nolo explica:

«A base desta actuación é simpatizar coa estrutura resonante do espazo, esculpindo cada vez unha nova experiencia sonora segundo a súa singulariedade arquitectónica.
O concepto do espectáculo permanece mutable até o último momento, empregando procedementos exclusivamente acústicos e métodos de produción xerados polo movemento do meu corpo.

A miña primeira inspiración para producir un son contiuo cun instrumento de percusión evoluiu a través dun proceso de investigación das cualidades acústicas do espazo da actuación. Recollendo varios obxectos e dispositivos durante as miñas xiras e no meu lugar de traballo adaptei esta peza para ser tocada nunha percusión grande, que se emprega como un vibrante amplificador.
Desenvolvo unha afinidade íntima cos materiais en vibración. Teño que avaliar estas vibracións no meu corpo a diferentes niveis, para poder coordinar as miñas psoturas e movementos e así poñelos tamén en vibración. Para dar vida a esta vibracións, emprego, dende 2008, a circunnavegación.

O meu son é con frecuencia comparado con certos sons producidos por sintetizadores. Pola contra, os meus sons acústicos dependen da calidade de reflexión das superficies circundantes e do volume do propio espazo onde se produce.»

Antez é un escultor e percusionista francés que explora a materia sonora, investigando nos seus modos de percepción física. Convencido de que a capacidade de experimentación dos instrumentos acústicos non ten límites, aproxímase a eles como obxectos-dispositivos, transcendendo calquera uso tradicional, xerando unha música de enorme forza. Está formado en percusión con Jacques Givry e en composición electroacústica con Xabier García. Traballou en teatro, danza e cinema, colaborado con bandas como A Cellule d’Intervention Metamkine e Art Molou, e músicos como Seijiro Murayama, Jérôme Noëtinger, Yann Gourdon, Fabrice Césario, David Chiesa ou Tim Hodgkinson, dando centos de concertos por todo o mundo

Pedirase unha colaboración entre cinco e oito euros para axudar a cubrir os gastos do infatigable viaxeiro.