26 enero 2016

Antez presenta Continuum



Antez

!Atención, debido á convocatoria urxente dunha manifestación contra a prórroga concedida a Ence, dende o Liceo Mutante decidimos retrasar a hora do concerto previsto para este venres 29 até ás 22.00 (puntual) e animámosvos á participación na manifestación. Non queremos a Ence de veciño!!

O vindeiro venres 29 ás 22.00 (puntual) o músico francés e infatigable viaxeiro Antez visita por vez primeira a nosa cidade facendo parada no Liceo para presentarnos o seu Continuum.

Deixemos que nolo explique el:

«Os meus Continuum son pezas de música para percusión frotada, caracterizadas pola emisión acústica dos sons.
Ao principio usei pratos, pero rapidamente púxenme a buscar calquera tipo de obxectos, a miúdo obxectos atopados de diferentes materiais e composicións; que despois dunha serie de transformacións, permitíronme continuar desenvolvendo este material sonoro e este traballo en cotinuo movemento.

Os meus Continuum teñen texturas sonoras inusuais, escápanse dos rexistros de percusión tradicionais. Poñen a proba os límites da nosa percepción: de infrasonidos a ultrasonidos, inseridos na intimidade da materia sonora, desde sons microscópicos ata densidades saturadas próximas ao noise, o fluír destes sons evoca tanto contención como exceso, inmersión e intemporalidade.

Hai 3 elementos esenciais que traballan en «correlación» (relación e dependencia):
a arquitectura do espazo sonoro e a súa resonancia, a condición atmosférica do espazo
a calidade de nivelación do piso e a súa natureza.
a presenza específica da audiencia»

Antez é un escultor e percusionista francés que explora a materia sonora, investigando nos seus modos de percepción física. Convencido de que a capacidade de experimentación dos instrumentos acústicos non ten límites, aproxímase a eles como obxectos-dispositivos, transcendendo calquera uso tradicional, xerando unha música de enorme forza. Está formado en percusión con Jacques Givry e en composición electroacústica con Xabier García. Traballou en teatro, danza e cinema, colaborado con bandas como a Cellule d’Intervention Metamkine e Art Molou, e músicos como Seijiro Murayama, Jérôme Noëtinger, Yann Gourdon, Fabrice Césario, David Chiesa ou Tim Hodgkinson, dando centos de concertos por todo o mundo

Pedirase unha colaboración de catro euros para axudar a cubrir os gastos do músico.

Guardar