Aries é Isabel Fernández Reviriego, Isa, ex Charades. Incapaz de aceptar que a cousa se rematara aí, que co fin de Charades (anunciado agora hai un ano) debía despedirse do seu revoltoso pop de raíces sesenteras, Isa decidiu poñer en marcha un novo proxecto para o que conta case exclusivamente coa súa irmá Virxinia, que se atreve coa batería. Xa non está en Madrid, agora está en Vigo (atentos, porque mesmo lle escribiu unha canción de despedida á cidade), pero segue escoitando sen descanso aos Beach Boys, Os Mutantes e The Zombies (as súas bandas de cabeceira), aínda que agora, como veremos, tamén se deixa influenciar por Caetano Veloso. O resultado é un delicioso compendio pop de aire psicodélico (breve pero intenso, gañando en percusión e harmonías vocais) chamado «La Magia Bruta». Producido por Santi García (que ademais se encarga do baixo) e a propia Isabel, o disco foi gravado entre os Estudos Ultramarinos Costa Brava e os Estudos Pastora de Vigo. Soa máis íntimo, aínda que igualmente xoguetón (con esas ras de madeira que foron souvenires e agora fan as veces de castañolas en «Los Dos»).
E é unha sorte que veña ao Liceo a presentalo no que promete ser unha noite máxica.
http://aries.bandcamp.com/
http://
A noite comezará con Santiago Muíños e Roberto Taboada coas súas guitarras e ukeleles, delitándonos coas súas silbantes e contaxiosas melodías.
Seica andan preparando novo repertorio para esta noite.
O marabilloso cartel é de Natalia Umpiérrez