24 abril 2018

Atomizador + Anti S.



atomizador

Sábado 28 de abril as 20.30: Atomizador + Anti S.

Veño do futuro. Estaba facendo uns experimentos na casa e, non sei ben como, aparecín de súpeto no sábado 28 de abril de 2018 e, mira por onde, no Liceo Mutante. A xente do futuro era feliz, estaba eufórica e emocionada. Flotaba no aire unha reconfortante sensación de comunidade, un éxtase colectivo como moi suaviño, moi discretiño pero moi elegante el. No futuro non existe a cervexa. A xente é capaz de estar tranquilamente mirando un concerto sen necesidade de soster na man nada máis que a man do que lle tocou ó seu carón.
De entre a multitude desemboca no escenario un home que lembra a algún heroe clásico, de cabelo como forxado ao comezo dos tempos nalgún metal nobre que hoxe pide unha man de Aladdin. O seu nome, Anti S. Xa coa xente ó seu redor, demora uns minutos desenmarañando uns cables e tratando de dominar uns acoples que polo visto un rato antes non existían, pero á xente semella non importarlle. Aínda non fixo nada e xa os ten a todos no peto. Están entregados, tanto que non parecen conscientes do volumen atronador dos primeiros acordes. Caen cachos de teito, pero á xente semella non importarlle. Pouco a pouco, vanse furando os seus tímpanos, xa non poden oir nada, pero a vibración de Anti S mantenos atrapados e failles cóxegas. As ondas impiden tocar o chan; todo cristo está flotando entre círculos concéntricos de deseño lixeiramente irregular de distorsión e melodías sepultadas. A vibración chega ata a ría e saca da manga un tsunami que lle da un bo susto á comunidade internacional de surfistas.
Tócalle a Atomizador. Parece un debuxo animado. Canta coma un debuxo animado. Fala coma un debuxo animado. Aínda non fixo nada e a xente xa está chorando. Fugaz e luminoso coma un lóstrego, é evidente que ten presa, pero non tanta coma outras veces. É un concerto extremadamente breve, pero a xente percíbeo coma un fractal tipo botella de auga de Mondariz ou tipo romanescu, deses que esconden o infinito no seu propio interior. As bágoas do respetable chegan ata a ría, equilibran as correntes e salvan á comunidade internacional de surfistas, que non tiñan culpa de nada pero que teñen que marchar para casa porque xa non hai ondas. Aproveito para subir nun arroaz e pedirlle que me devolva ó presente e o simpático mamífero acuático déixame a poucos metros, nunha paradisíaca praia. O meu instinto lévame a saltar nun burato que hai na area. Logo dun intre de escuridade e silencio, aparezo na cima dunha desas montañas xigantes de viruta de Ence. Chove e fai un pouco de frío. Boto a correr e énchenseme de azufre os pulmóns, pero non podo parar porque mañá teño que ir a currar a Sanxenxo.

https://atomizador.bandcamp.com/
https://anti-s.bandcamp.com/releases

Donativo a vontade entre 5 e 8€.