7 junio 2016

Atrás Tigre + Ataque Escampe



0001

Sábado 11 de xuño ás 20.15 : Atrás Tigre + Ataque Escampe

A primavera é unha explosión de creatividade: patacas en Coristanco e concertos molóns en Mollabao. Que veñan visitarnos este sábado dous grupos como Ataque Escampe e Atrás Tigre preocupa seriamente en París, conscientes de que o van petar e lles van restar público á inauguración da Eurocopa.

Atrás tigre é a fonte da eterna xuventude. Escoitándoos has rexuvenecer, pero mantendo toda a experiencia acumulada e vivindo a fodida contemporaneidade.
O seu jangle pop felino de guitarras de cordas infinitas e os ritmos poderosos non amansa as feras pero as alegra. Axiña has poder escoitar o seu EP debut, editado en formato cassete.
https://atrastigre.bandcamp.com/

Ataque Escampe son a banda coa que a túa sogra soña para o día da túa voda. Viñeron visitarnos hai ano e medio cargados de savoir-faire, e agora veñen presentar dous novos temas: “Papá borracho” e “Alan Lomax”.
Xogan á Nintendo non para rescatar a princesa, senón para reintepretar as cancións de Koji Kondo en formato dodecafónico. Levan garavata non para unha audiencia en Monte Pío, senón por carisma e sintomático misterio. Atende ao que che contan porque non é ningunha broma, e goza cos seus temas antes de que dancen na túa tumba.
https://ataqueescampe.bandcamp.com/

Colle os zapatos de charón e vén bailar até dislocar a cadeira, que no Sergas nunca hai colas. We could be Heroes just for one Night.

Toda esta gozadera a cambio de só cinco euros estratéxicos

Guardar