Mércores 30 de outubro ás 20.00
Carla é unha das figuras máis importantes da música independente norteamericana das últimas decadas, caracterizada pola beleza complexa e feroz da súa música, polas súas apelacións furiosas. Música que ás veces murmura e lambe, ás veces tira ao oínte tan preto que é difícil respirar, ás veces berra na satisfacción ritual.
Dende os seus inicios en Neon Veins e Ethyl Meatplow, pasando polo polos Geraldine Fibbers, o dúo Scarnella co guitarrista de Wilco, Nels Cline; dos Red Headed Stranger con Willie Nelson ata o seu proxecto Evangelista no que colaborou cos membros de Godspeed You Black Emperor, non parou de facer música sincera, arriscada e desgarradora.
Ademais é amiga de embarcarse e moítisimos proxectos colaborativos con xente coma Thurston Moore, Mike Watt, Okyyung Lee, Massimo Pupillo, Ches Smith, Marc Ribot, Marianne Faithfull ou Lydia Lunch nunha lista que non remataría nunca.
A principios de 2014 sacará o seu novo disco na prestixiosa editora canadense Constellation Records.
Nesta visita vén ao mando da formación cambiante Bloody Claws, pero sempre cunha alineación elegante e descarada de arriscados aventureiros ,neste caso Adrián de Alfonso (Don The Tiger), o excelentísmo guitarrista portugués Manuel Mota e o multiinstrumentista Jhno Eichenser, nunha noite que vai merecer o cualificativo de histórica.
Ademais tamén estará Don The Tiger:
Tras o alcume de Don The Tiger agóchase Adrián de Alfonso, un dos músicos máis activos e inquedos do subsolo musical.
A súa presenza destaca non só á fronte de bandas como Bèstia Ferida, Veracruz, Capitán e Homenatges, senón tamén acompañando ou improvisando xunto a Lydia Lunch, Mark Cunningham ou Weasel Walter.
«Varadero» é o primeiro álbum como Don The Tiger tras 15 anos de experimentos con cintas. «Varadero» rebaixa os instintos asasinos do primeiro tigre (ao que lle obsesionaba o ruído e a furia de Esplendor Geométrico, Scorn e Keiji Haino) para internarse en terreos máis melódicos e emocionantes.
As nove baladas e medios tempos que conforman o disco (dez na edición vinilo), aínda soando tan desesperadas como o vello blues e tan ameazantes como o resollo dun animal ferido, acaban rendéndose ao vaivén do tango, o bolero ou a canción tradicional portuaria. Difícil de imaxinar como Adrián conseguiu unha atmosfera tan sensual partindo case exclusivamente de mostras gravadas na adolescencia, ritmos rotos feitos coa boca, arranxos de feedback e golpes na parede.
Os primeiros Bad Seeds, This Heat, Matt Elliott, Eden Ahbez, Eyeless In Gaza, Tricky, Cocteau Twins, Tuxedomoon, Swans, Akauzazte, Gallon Drunk, Tom Waits, Suicide… O ADN de Don the Tiger está regulado por todos eses nomes, se ben a súa música apunta en direccións que pouco ou nada ten que ver con eles.
http://www.vara-dero.com/
A entrada só custará 5 €!!!!