9 noviembre 2015

Catapulta!



catapulta 3

Sábado 14 de novembro dende ás 18.00

Ola amig@s,

escribimos isto dende a factoría de textos do Liceo pero o Liceo es ti, somos todas as que queiramos selo. Levamos máis de catro anos resistindo, propoñendo e, de momento, temos forza para outros tantos, polo que hoxe queremos dar un impulsiño á calidade do son deste voso espazo, tentando mercar un equipo de son novo. Ata agora viñamos aguantando precariamente cun equipo moi modesto e coa axuda de moit@s amig@s pero xa vai sendo hora de mellorar coa vosa axuda e colaboración.

Como non entendemos outra forma de actuar que non sexa a autoxestión, os músicos da casa vanse arrexuntar para ofrecerche a cambio unha festiña o próximo 14 de novembro. Se algunha vez tiveches problemas para distinguir aos membros de Cuchillo de Fuego, Djalminha, Lluvia de Ciervos, Urro e diola, non sabemos se vas saír de dúbidas nesta xornada pero o que podemos garantir é que a Catapulta vai ser unha data de amor e tronío.

Todo o recadado coas entradas da Catapulta irá destinado integramente á mellora do son do Liceo, todos os músicos colaboran desinteresadamente. Ademais teremos camisolas especiais conmemorativas da Catapulta.

Seguro que os coñeces a todos, pero por se acaso van uns pequenos recordatorios:

Cuchillo de Fuego, os mestres do spoken word punk salvaxe e desacomplexado, príncipes do latexo da rúa con permiso do trap, veñen de petala en Madrid, Valencia, Salamanca, Euskadi e en todos os sitios, vaia, no que será o seu derradeiro concerto este ano antes de meterse a gravar o seu segundo LP.
https://cuchillodefuego.bandcamp.com/

Djalminha, ídolos na cancha e fóra dela, estaban facendo rabiar aos seus seguidores con tanto agardar, fillos da escola Trans Am, parella de peito e gracia infinita, THEY ARE BACK.
https://djalminha.bandcamp.com/

Lluvia de Ciervos, saíndo do armario do screamo denso e marrulleiro, un ZAS EN TODA LA BOCA aí a un metriño de ti, con disco de debut xa gravado pero oculto nalgún lugar do futuro próximo, engraxados, vigorosos e pouco saudables. Non hai ligazón porque a ligazón vancha facer a ti, sen prolegómenos.

Urro, un grupo de seres estratosféricos, deses homes que escriben a súa propia historia, sen cánones, sen fórmula establecida, representantes sobre a non-tarima do Liceo dunha estirpe de creadores valentes, con gusto pola improvisación máis libre e ruidosa.

E tamén diola, algúns dos antigos unicornirobots nunha bonita fase de ensaio-erro, exploradores do riff, o retrouso, a maquiniña e a melodía, presentando as súas primeiras cancións para humanos.
https://diola.bandcamp.com/

Este percal só por oito euriños como donativo íntegro para reforzar un equipo de son mutante que vai encher a próxima tempada de melodías rutilantes, voces que se escoitan e pinchadas con grave a cholón, medio bonito, agudo agonizante. Comezamos prontiño.

Podedes reservar as vosas entradas (máximo dúas por mail) en: anticipadas.liceomutante@gmail.com