5 agosto 2019

Christian Galarreta + Bonnie Kane & Andrea Pensado



chrs

Sábado 10 de agosto ás 20.30: Christian Galarreta + Bonnie Kane & Andrea Pensado

Segundo sábado de agosto, imos berrarlle á barbarie taurina, despois fuximos do cheiro a mexo e viño podre que invade a cidade para refuxiarnos no noso recuncho de Mollabao cun par de concertos de quitar o hipo.

Abrirá a noite Christian Galarreta, que xa puxo o Liceo patas arriba como Sajjra e levantounos do chan como Evamuss. Desta volta visítanos coa súa nova tolería: ELECTROMAGNETIC AND ACOUSTIC DETRITUS, unha experiencia física do son baseada na amplificación crúa de detritus electromgnéticos e lixo electrónico, xerando unha aventura psicoacústica cuxa percepción podería verse alterada polo movemento da audiencia no espacio resonante.
http://sajjra.net/chrs/

Para continuar temos un dúo arxentino-canadense: Andrea Pensado e Bonnie Kane.
Bonnie encárgase do saxofón, frauta, feedback e electrónica, pioneira electroacústica e improvisadora dedicada, Bonnie Kane, califica o seu traballo como avant-core: unha mestura altamente enérxica de rock psicodélico, hardcore e jazz vangardista.
Bonnie traballa en solitario, cunha chea de grupos e colabora cun montón de proxectos, por exemplo no último de Godspeed you! black emperor: Luciferian Towers.



Andrea é unha artista sonora que emprega a súa voz e a electrónica para crear unha linguaxe sónica tremendamente persoal, a través de técnicas híbridas de síntese. Capas densas, duras de son entrelázanse coa súa voz nunhas actuacións dunha forte compoñente emocional.
http://www.andreapensado.com/Andrea_Pensado/Info.html

Vide pasar con nós esta noitiña de agosto por un donativo entre 5 e 10 € destinado integramente aos músicos viaxeiros