Xoves 12 de novembro ás 19.30, Cineclube do Liceo Mutante: A cuestión humana
Retomamos a programación do Cineclube do Liceo despois dun parón duns meses provocado polo roubo do noso proxector na noite de fin de ano.
Que mellor forma de arrincar a nosa programación coa proxección do filme de Nicolas Klotz: A cuestión humana
(La question humaine, Francia, 2007, 144, VOSE)
Alucinante viaxe a través das estrañas reviravoltas que relacionan os procesos de selección de persoal nunha gran empresa.
Simon ten corenta anos, é psicólogo no departamento de recursos humanos de SC Farb, un complexo petroquímico que é a filial en Francia dunha gran multinacional alemá. O seu traballo consiste fundamentalmente en entrevistar a posibles traballadores Un día recibe un encargo especial: Karl Rose, codirector da empresa con Mathias Just, pídelle que lle faga a este unha avaliación psiquiátrica.
«A redución, por parte de Europa, dos seres humanos a cifras, a fluxos, a cotas, a un problema que require unha solución técnica, non pode máis que anunciar unha época sombría. Ata tal punto a realidade e a historia foron excluídas da vida pública, dos nosos valores, do noso presente? Convertémonos nun pobo indiferente, cuxo único vínculo co mundo é a industria da información? Ese filtro case xenético do mundo, que reorganiza e redefine permanentemente o ‘real’ segundo os mercados financeiros, configura e irradia novos sistemas de pensamento e impulsos que interrogan en profundidade o cinema moderno. »
N. Klotz e Elisabeth Percebal
Entrada de balde