Mércores 8 nde xaneiro ás 21.00
Retomamos as proxeccións este ano co filme A miña infancia do director escocés Bill Douglas
A miña infancia (My Childhood, Bill Douglas, Escocia, 46′,VOSE)
Primeiro filme da triloxía autobiográfica de Bill Douglas na que
reconstrúe a súa infancia a partir da súa memoria persoal, a historia de Jamie, o seu alter ego fílmico, dende a súa vida como neno pobre nun pequeno pobo mineiro escocés ata a súa idade adulta, nunha fonda evocación autobiográfica. O cineasta escocés traballa nos intersticios da memoria, a imaxinación e o realismo, avanzando polos seus sentidos pasaxes vivenciais a partir de fulgores, de momentos brillantes que expoñen un acontecemento único, cunha narrativa exigua e rigorosa, e un estilo seco que non elude a beleza formal. A través da intimidade da experiencia revelada, fiándoo todo á mediación intuitiva das imaxes da memoria, Douglas dá forma a unha interpretación poética da realidade dun mundo de miseria no que a imaxinación parece ser un acto de resistencia e o cine, futuro camiño de perfección, a única posibilidade de beleza.
Entrada de balde