17 marzo 2013

Cineclube do Liceo Mutante: A nosa música




Mércores 20 de marzo ás 21.00

«O principio do cinema: ir cara á luz e facer brillar esa luz na nosa noite. A nosa música»
JLG en A nosa Música

Esta semana proxectaremos o filme de Jean Luc Godard, A nosa música (Notre Musique, Jean Luc Godard, Francia/Suiza, 2004, 80′,VOSE)

» Godard evita, finalmente, o artificio, porque dende un nivel ético posiciónase contra a loucura humana. Contra a barbarie, contra a guerra. A nosa música constrúese sobre a base de tres actos de referencia dantesca. No primeiro, o Inferno, recolle, aglutina e dá forma ao terror da guerra. Utilizando imaxes do cine clásico (de Griffith a Eisenstein, de Ford a Cy Enfield), de televisión e de documentais, intactas ou retocadas dixitalmente, JLg obríganos a acordarnos dos xenocidios que tiveron lugar en diferentes eras, da potencia das novas armas, da loucura das guerra, en definitiva. O segundo acto, o groso da película, é, non obstante, máis terrible. Tanto pola proximidade temporal e xeográfica que nos vincula á guerra balcánica coma pola sensación de baleiro, de perda, que se desprende das imaxes: a ponte e o mercado citados, os outeiros dende os que os serbios disparaban contra a poboación, a biblioteca en ruínas onde un testamenteiro voluntarioso trata de ordenar novamente a vella cultura. Godard recolle en imaxes (posto que en moitos casos os diálogos que as acompañan viaxan noutra dirección) as cicatrices, perdurables, que pode deixar unha guerra. […] En última instancia, ironicamente, Godard deixaranos enxergar o paraíso. Unha estreita franxa de praia boscosa, máis alá da nosa mirada, onde Adán lle ofrece a mazá a Eva custodiada polo exército.»
Antoni Peris Grao

Entrada de balde