8 abril 2012

Cineclube do Liceo Mutante: A Rapaza da fábrica de mistos



O cineclube do Liceo adícalle o mes de abril ao gran director finés Aki Kaurismaki. Comezamos o ciclo co filme A rapaza da fábrica de mistos (Tulitikkutehtaan tyttö, Aki Kaurismäki, Finlandia/Suecia, 1990, 68′, VOS) filme chave na súa filmografía e onde alcanza altas cotas de depuración narrativa.

«En A rapaza da fábrica de mistos nada obedece a regras preestablecidas, simplemente pártese dunha historia minimalista e dun principio básico: a contención. Ningún dos elementos cinematográficos que, a partir de de aquí, desprega Kaurismäki semella obedecer a unha lóxica consciente. Parece que o filme fose improvisado ó longo do seu desenvolvemento. Asemade, temos outra percepción aínda máis forte que nos fai pensar nunha certa irreversibilidade na súa construcción. Cando Kaurismäki fai unha elipse, coloca un obxecto ou introduce un diálogo diríase que, para ben ou para mal, non podería terse realizado doutro xeito. Semella que para Kaurismäki o filme en si mesmo é unha búsqueda na procura dun intanxible constituído por formas, ritmos, sensacións, combinación de cores e sons… que obedecen a ritmos internos do propio autor que asulagan todos os seus filmes. Diríase que Kaurismäki non está presente como director nas súas películas,pasando estas a constituír partes da súa persoa.
O universo puramente finés no que se move o filme presente, así como os outros do autor, foxe de toda pretensión realista. Kaurismäki, consciente de
que o cine non coñece outra realidade que a do propio cinema, renuncia ó retrato fidel para crear un mundo paralelo ó obxectivo. Moitas veces se dixo
que a súa filmografía se engloba dentro do denominado “cinema social” coa función de criticar a sociedade capitalista neoliberal. Mais para o autor finés
situarse á par dos perdedores non é unha elección, constitúe máis ben unha cuestión de dignidade, xa que é no único contexto no que se poden albiscar aínda restos de vitalidade. A crítica social que acompaña as súas historias sitúase máis nunha posición contextual que no centro mesmo do filme.
Mais hai algo de paradoxal nesta nova realidade creada polo autor. Trátase dun mundo baseado nocontraste, na antítese. Os personaxes son inexpresivos, os seus rostros pouco agraciados, por non falar das súas vestimentas. Os mobles semellan sacados dunha tenda de terceira man e os locais de copas só poden calificarse de charramangueiros con combina-
cións cromáticas que á forza deberan resultar chocantes. Non embargante, algo nos fai percibir un conxunto harmonioso cunha gran complicidade
entre os seus fríos elementos. A autenticidade no ollar de Kaurismäki, a falla de pretensión e de trascendencia achegaranos a este mundo situado na
Finlandia»
Tirado de -A rapaza da fábrica de mistos e o cinematógrafo de Aki Karuismaki- un texto de Xan G. VIñas publicado en Ariel nº 2, Boletín de Cinema en Galego, editado polo Cineclube de Compostela, no outono de 2003.
http://cineclubedecompostela.blogaliza.org/ariel-boletin-de-cinema-en-galego-2002-2004/

Coma sempre, a entrada é de balde.