Mércores 22 de maio ás 21:00
O Cineclube do Liceo retoma a súa programación despois do parón da semana pasada motivado polo concerto de DDJ.
Esta semana proxectaremos o filme da directora checa Vera Chytilova: As Margaridas ( Sedmikrásky, Vera Chytilová, Checoslovaquia, 1966, 76′,VOSE)
Sinopse:
Dúas rapazas novas conclúen, mentres toman o sol, que «se neste mundo todo está corrompido, estaremos corrompidas nós tamén». Así se activa o mecanismo que pon en marcha a película: unha tras outra, iranse producindo escenas inconexas nas cales as dúas protagonistas xogan a ser malas co seu ámbito. Enganan homes maduros para comer gratuitamente, escriben e debuxan nas paredes da súa casa, improvisan un baile nun cabaré para boicotear o número que está en escena, engolen e despezan os manxares dun banquete preparado para outros. Rompendo toda linealidade narrativa e empregando a técnica collage tanto a nivel visual como auditivo.
O peculiar xeito de comportarse das dúas rapazas protagonistas é toda unha oda á rebeldía e a desobediencia. O que empeza sendo unha desorde de aparencia pueril acaba converténdose nunha destrución de grandes proporcións. Cunha linguaxe máis abstracta que sitúa ao seu discurso fílmico nun plano cognoscitivo próximo ao absurdo, o filme mostra unha crítica social mordaz a partir do comportamento de dúas «margaridas» en aparencia alleas á política.
Entrada de balde