13 noviembre 2017

Cineclube do Liceo Mutante: Eadweard Muybridge, Zoopraxographer



amuybridge

Venres 17 de novembro ás 21.00, Cineclube do Liceo Mutante: Eadweard Muybridge, Zoopraxographer (Thom Andersen)

EADWEARD MUYBRIDGE, ZOOPRAXOGRAPHER
Thom Andersen, 1974
60 min., VOSE
———————————————————
A primeira longametraxe de Thom Andersen é un documental sobre o nacemento do protocinema, unha aventura técnica e creativa protagonizada polo fotógrafo Eadweard Muybridge. Ao longo do filme, o realizador procura explicar o proxecto megalómano de Muybridge (denominado Animal Locomotion: an Electro-Photographic Investigation of Connective Phases of Animal Movements), que pretendía retratar todo tipo de movemento animal e que é un primordio do cinema, mesmo na súa proxección: co sistema Zoopraxiscopio, inventado polo propio fotógrafo. Muybridge non só define a zoopraxografía a través da cámara fotográfica, senón tamén a través das súas connotacións espaciais, do significado do sistema coordinado. Faino a través do ambiente social representado nos seus intereses: animais, homes nus e vestidos de todas as condicións sociais ou mulleres que expanden as fronteiras sociais co feito de estar núas ou de fumaren, nunha época en que ambas as dúas cousas eran consideradas vulgares. Aínda que a innovación de Muybridge foi logo ultrapasada polos sistemas dos irmáns Lumière e de Thomas Edison, para Andersen é interesante analizar, metodicamente, a visión de mundo que sae daqueles milleiros de imaxes, unha visión ousada e destemida que coloca a Muybridge coma un dos grandes artistas do século XIX.

Entrada de balde