Remata febreiro e con el o ciclo do Cinema arredor da fábrica, no que puidemos filmes de Jean Luc Godard, Joaquin Jordá, Danièle Incalcaterra,Chris Marker e Mario Marret ou do Grupo Dziga Vertov.
Para finalizar temos unha doble sesión coa proxección dos filmes:
– Fábrica (Fabrika, Sergei Loznitsa, Rusia, 2004, 30′, VO)
– A volta ao traballo nas fábricas Wonder (La reprise du travail aux usines Wonder, Jacques Willemont,Francia, 1968 10′ VOSG)
«Sergei Loznitsa é un cineasta que dende hai un tempo busca o xeito de retratar mundos que hai anaco deixaron de ser interesantes para o espectador, non polo mero afán de ir contracorrente senón porque el ve algo aí que intenta atrapar en fílmico e logo retransmitilo. Escribiuse pouco sobre el, quizais porque o seu cine é demasiado simple, de ritmo lento ou porque non hai cores na maioría das súas películas ou simplemente porque os seus filmes non se distribúen polas canles habituais, pero creo que tamén é moi difícil dicir algo sobre unha busca tan austera e esencialmente visual, as palabras poderían describir a estrutura, pero quizais a poesía sería o único xeito para poder describir o que vemos realmente nos seus films. […]
No cinema de Loznitsa sempre se vai do rostro á paisaxe ou viceversa, planos despoxados de presenza humana, espazos que determinan a quen os transitan transformándose nun protagonista máis, como un escenario onde eses corpos se moven. En cada unha das súas películas non hai protagonistas, nomes, historias de vida, senón anónimas persoas que son retratadas pola única razón de estar aí, habitar ese espazo concreto e particular, como en Fábrica (2004), filme no cal se nos mostra a coreografía da produción mecánica nunha fábrica que funciona de noite».
Tirado de – Sergei Loznitsa, la soledad del corredor de fondo- de Carlos Vásquez, publicado en http://www.blogsandocs.com/
«Por un lado, tal e como explicaba Guy Debord, se antes a sociedade do espectáculo facía promesas e afirmaba que «o que aparece é bo, o que é bo aparece»,a partir das loitas do ano 68 o mundo enteiro limítase a anunciar simplemente que «as cousas son así». O mesmo fenómeno nihilista das «maiorías silenciosas», analizado por Baudrillard nos anos 70, é síntoma desa profunda crise da representación, do vínculo entre gobernante e gobernado. Por outro lado, o espírito de Maio persiste nas súas «vidas posteriores», é dicir, na busca de distintas vías de actualización da experiencia de organización, expresión e comunicación directa. Como explica Jean-Henri Roger, moitos dos cineastas afectados por Maio negáronse, como a obreira que protagoniza La reprise du travail aux usines Wonder, a volver á fábrica e facer películas como antes, seguiron preguntándose por onde pasaba a fidelidade a Maio e como podería actualizarse en condicións diferente».
Tirado de -Cine y Mayo del 68, ¿Qué vuelve política una imagen?- de Amador Fernández Savater e David Cortés.
Coma sempre, a entrada é de balde