Venres 5 de xullo ás 22.00
Nesta terceira xornada do Cinema no Xardín contaremos coa presenza do director marinense Angel Santos, que nos presentará tres pezas: Adolescentes, Fantasmas#1 e Fantasmas#2
Adolescentes (Ángel Santos, Galiza, 2011, 63′)
«A actual xeración de mozos e mozas é a que, ata o de agora, desfrutou dunha maior e máis natural relación coas novas tecnoloxías; tecnoloxías que permitiron unha multiplicación exponencial da súa imaxe. A duración de cada un dos retratos contidos neste filme vén determinada pola capacidade dunha bobina de 30 metros de película de 16mm (pouco menos de tres minutos). Nese tempo cremos que pode revelarse unha verdade máis profunda sobre os retratados da que adoitan amosar as imaxes distorsionadas ou manipuladas dos medios. Grupos de adolescentes sentados nun banco; adolescentes apoiados nunha parede; sentados nun portal… Nesa espera (á vida?) hai algo poderoso, dunha inefable beleza. Pero este filme é antes a busca de algo intanxible que a demostración dunha teoría.»
Fantasmas#1 (Ángel Santos, Galiza, 2010, 9′)
Fantasmas#1 é o meu modo de enfrontar o terror e a confusión que supoñen enfrontarse ao paso do tempo ou crecer pertencendo a un lugar, a unha familia. Ao mesmo tempo, na peza trato de cuestionar o poder das imaxes familiares do recordo (fotografías, super 8) que, en lugar de preservadoras de memoria, en moitos casos funcionan como xeradoras das súas propias memorias e significados.
Fantasmas#2 (Ángel Santos, Galiza, 2012, 20′)
Fantasmas#2 é unha investigación en torno aos lugares da memoria familiar a partir do rexistro actual dos espazos nos que transcorreu a xuventude do autor e a confrontación coas fotografías que deses mesmos lugares tomaron no pasado.
Entrada de balde