17 julio 2019

Cinema no Xardín: Cancións, caras e lugares



cib

Venres 26 de xullo ás 22.30

CANCIÓNS, CARAS E LUGARES. REXISTROS DUNHA ESCENA GALEGA
Escolma de gravacións musicais escollidas por Cibrán Tenreiro Uzal e rexistradas por Flaco Fláquez, David Tombilla, Teo e Sonia, Borja Vilas, Yasmin El Hachimi, Gael Carballo, Rubén Domínguez, Mar Catarina, Carlos M. Peñalver, Darío Real, Anxos Fazáns, QueteMcFly e María Yáñez.

Cando vas a un concerto ou algo parecido, hai un lote de xente facendo cousas. Xente que fai música, xente que baila, xente que prepara comida ou serve na barra, xente que escoita, debuxa, fai o son…; unha chea de funcións imprescindibles e intercambiables entre as que está a xente que grava, que fai vídeos como os que poderemos ver nesta sesión. Todo o mundo leva enriba unha cámara e por iso as gravacións da escena son rexistros especialmente ricos: como no cine doméstico, hai neles unha intimidade que as e os profesionais nunca conseguen. Como non se cobra por facelos, son libres para experimentar esteticamente ou centrarse nalgo que non sexa a xente que está no escenario. E, ademais, gardan a memoria de momentos que son importantes para a xente que os vive, rexistrando cancións, caras e lugares que ás veces ninguén máis documenta.