24 agosto 2015

Cinema no xardín: Las Altas Presiones



11155130_361956280664218_243348304744989475_o

Este xoves día 20 temos a inmensa alegría de proxectar no noso xardín Las Altas Presiones o último filme do noso benquerido Ángel Santos que nos acompañará durante unha sesión moi especial, xa que o Liceo Mutante é un dos escenarios da película, na que non faltará a música e uns pinchos.

Miguel viaxa a Pontevedra, a súa cidade natal, co encargo de rexistrar as localizacións para unha pelicula. A súa viaxe lévao de regreso ao lugar no que creceu, ao reencontro con vellos amigos, pero tambien, á posibilidade dunha nova relacion: Alicia, unha nova enfermeira que conseguirá tranquilizalo. Miguel trata de levar a remate o seu traballo aínda que case sempre prefira gravar á xente coa que se encontra, os movementos e os rostros dos seus amigos, os trens pasando ou o mar.

«Ás veces un ten a intuición de que nunha película debería caber de todo. Quizais alguén xa o dixese antes…
Entón, en lugar de limitarse a ser un colector para unhas liñas argumentais máis ou menos predicibles, ou un discurso ante unha audiencia pasiva, esa película debería parecerse máis a unha charla entre amigos na que se fale ao mesmo tempo e no mesmo ton das relacións sentimentais, as frustracións e alegrías da vida, das crises ou do futuro.
‘As altas presións’ quere ser unha desas películas.
Unha que pareza unha viaxe, no que o importante non sexa chegar dun punto a outro, senón o propio traxecto, a deriva. Un cine que parta do íntimo, que fale de nós como individuos e como xeración, pero tamén como un grupo de persoas facendo unha película aquí e agora. Con ilusión e esperanza.»
Ángel Santos

Angel Santos (Marín, 1976)
Despois de completar a súa formación en Historia da Arte (USC) trasladouse a Barcelona para estudar no Centre d’Estudis Cinematográfics de Catalunya. Alí fai os seus primeiros traballos como director, primeiro A. (2002) e logo outro máis ambicioso, Septiembre (Los amores jóvenes) (2004). En 2008 presenta O cazador,
adaptación dun texto de Chejov que é considerada un dos mellores curtametraxes do ano pola revista Cahiers du Cinéma España. A súa carreira como cineasta prosegue coa curta Sara y Juan (2009), tamén adscrito á serie Los amores jóvenes, e cunha primeira incursión no ensaio documental, Fantasmas#1 (2010). Ese mesmo ano finaliza a súa primeira longametraxe de ficción, Dos fragmentos / Eva, seguido de Adolescentes un proxecto de corte máis experimental sobre a base de series de retratos filmados. En 2012 presenta Fantasmas#2, nova incursión no ensaio diarístico.
Xa en 2014 estrea Las Altas Presiones, segunda longa, no Festival Internacional de Busan [BIFF].
Entre 2005 e 2010 participou como redactor na revista dixital de análise fílmico mdc-miradas.net. Como docente imparte talleres de cine para nenos dentro do proxecto Cinema en Curs (A vao a qu / CGAI), así como outros cursos e talleres na licenciatura de Comunicación Audiovisual.
Tamén é o responsable do proxecto musical ns|nc.

Guardar