18 agosto 2015

Cinema no xardín: O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser



gaspar 1
gaspar 2
gaspar 3
Gaspar poster

Este mércores temos o grande pracer de proxectar o filme O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser do realizador Alberto Gracia que nos acompañará durante a sesión.

Novo episodio das peripecias do ‘enfant sauvage’ Gaspar Hauser, acompañado do seu inseparable e querido cabaliño de madeira. Suxeito imposible, Gaspar ten nesta ocasión a personalidade fragmentada en cinco personaxes arquetípicos: un anano sadomasoquista, unha sedutora doncela, un tipo cínico e déspota, un mariñeiro romántico e un batman patético, encarnado este último polo propio director da película. Un antiheroe de bata e zapatillas, fumador compulsivo, que representa a inadaptación na que está inserido o home decepcionado, o home que pensa, o home que é deste mundo sen selo.

O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser (Alberto Gracia, Galicia, 2013, 61′,VO, Zeitun Films)

ALBERTO GRACIA (Ferrol, 1978) estudou na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde cursou a especialidade de escultura. A súa obra, que se expuxo en diferentes países do mundo, participa de ferramentas como a pintura, o debuxo, a performance, o vídeo e a instalación.

Interesado na estética, publicou en decembro de 2010 o seu primeiro libro de ensaio titulado «Microfugas, Teoría y juego de la profanación» na editorial Aristas Martínez. Ademais, participou desde entón en proxectos de investigación coma Grid Spinoza (2011) e en conferencias e mesas redondas en relación ao tema.

Microfugas (2008), curtametraxe feita en 16mm, é a súa primeira incursión no cinema como autor. O quinto evanxeo de Gaspar Hauser é a súa primeira longametraxe.

Agradecerase un donativo voluntario de prezo libre para axudar a cubrir os gastos da proxección

Guardar