5 agosto 2013

Cinema no Xardín: VidaExtra



Xoves 8 de agosto, 22.00
Non hai mellor forma de comezar as proxeccións de agosto que co filme VidaExtra de Ramiro Ledo
VidaExtra( Ramiro Ledo, 2013, 96′)

Sinopse

Guiándonos pola novela de Peter Weiss A estética da resistencia (1975-1981),
trátase de superporlla ao noso día a día e de facermos o posíbel para tirarmos
proveito dela. Gardando respecto polas características formais do texto, entraremos
no edificio do Banco Español de Crédito, na Praza de Cataluña de Barcelona, a través
do Hotel Colón, sede do PSUC en 1937, na véspera da folga xeral do 29 de setembro
de 2010. As discusións da asemblea desa noite hanse ver confrontadas co cotiá dos
personaxes que protagonizan o filme: cinco amigos anónimos que xa non son nin
adolescentes nin militantes comunistas, coma os personaxes da novela, pero que
tentan porén arrepoñérselle ao estado de cousas, coma os que protagonizan o libro
de Weiss: o narrador, Hans Coppi, Horst Heilmann, Karin Boye ou Charlotte Bischoff.

VidaExtra: notas de presentación

VidaExtra xorde por dous camiños que se me impoñen xuntos no irromper
dunha folga xeral: a novela de Peter Weiss, Die Äesthetik Des Widerstands,
que naquela altura me acompañaba, e maila reocupación por un grupo de xente
do edificio do Banco Español de Crédito, que abrangue unha metade da cara
noroeste da Plaça de Catalunya de Barcelona, a véspera da folga xeral do 29
de setembro de 2010.

A outra ocupación dese mesmo edificio, cando se chamaba Hotel Colón, executouna
a poboación de Barcelona leal ao goberno republicano cando cercou dentro os
últimos militares golpistas e recuperou a cidade o 19 de xullo de 1936 ás catro
da tarde. O Hotel Colón pasou a ser a sede do PSUC (Partido Socialista Unificado
de Catalunya, os comunistas cataláns) durante a Guerra Civil.

Dalgún xeito, os distintos colectivos e anónimos agrupados no “Moviment del 25″
(pois o edificio foi xa ocupado o 25 de setembro de 2010), estaban a repetir 1936.

Na novela de Weiss, o narrador protagonista, alistado nas Brigadas Internacionais,
entra en tren a España por Barcelona camiño de Cueva La Potita, Albacete, e
unha tarde de 1937, após quedar fascinado pola Sagrada Familia, volve á Plaça
de Catalunya e detense diante do Hotel Colón “cuxo portal estaba flanqueado
por dúas faixas desde as que un Lenin carraxento ollaba como sorría o seu
Secretario Xeral”.

Esa noite de 2010, as dúas estatuas que flanqueaban a porta de entrada
estaban vestidas de festa. Nas paredes do edificio líase en grande “Isto non
é crise, chámaselle capitalismo”.

VidaExtra comeza no interior do Hotel Colón, a principios do século XX. A
través de fotos e postais da época visitaremos os seus salóns modernistas,
a nova fachada novecentista e sairemos á Plaça de Catalunya mediante unha
sucesión de imaxes que nos levan de 1902 a 1940, cando comeza a construírse
o que xa será Banco Español de Crédito na España gobernada polo fascismo.
Unha imaxe da fachada do Hotel Colón en 1937 lémbranos a súa ocupación durante
a Guerra Civil e guíanos cara á súa reocupación en 2010.

Sobre a fachada dos grandes almacéns “El Corte Inglés”, ao pé do edificio ocupado,
proxéctase dende a asemblea un cartaz: “Xa é folga en El Corte Inglés”. Nese
edificio tiña pousada o protagonista de Die Äesthetik Des Widerstands, en 1937
Hotel Victoria, onde se xuntaba a recadación dos servizos públicos socializados
baixo administración da CNT-FAI. E ese cartaz sobre a fachada do centro comercial
enlaza co fragmento da novela de Peter Weiss, cando o seu protagonista percorre
estes espazos.

Para manter o concepto formal da novela, estruturada en longos bloques sen
puntos aparte, este fragmento desenrólase na pantalla en forma de bobina de
texto en continuidade, e faise visíbel por medio dunha caixa de luz, a través
dunha pequena ventá recortada na pantalla que nos centra no que imos lendo.

Achegámonos de a pouco dende a praza ao interior do edificio, onde vai dar comezo
a asemblea.

A parte visual é apenas materia que tenta abrollar dende o corazón do edificio
e impide a identificación dos intervenientes. A atención desprázase á banda de son,
onde se libran as discusións. No programa: a organización de piquetes para afrontar
a folga xeral do día seguinte, a utilización dese espazo durante os días vindeiros, a
discusión de propostas encamiñadas á reapropiación da vida cotiá.

Xa na casa, o que se falou esa noite confróntase co cotiá dos personaxes que
protagonizan o filme: cinco amigos anónimos que xa non son nin adolescentes nin
militantes comunistas, coma os personaxes da novela, pero que tentan porén
arrepoñérselle ao estado de cousas coma os que protagonizan o libro de Weiss:
o narrador, Hans Coppi, Horst Heilmann, Karin Boye ou Charlotte Bischoff.

Barcelona, setembro de 2012

Ramiro Ledo Cordeiro

http://www.ramiroledo.com/

Cobrarase unha pequena axuda de 2 €