8 julio 2013

Cinema no Xardín: Vikingland



Este sábado 13 de xullo ás 22.00 proxectaremos Vikingland do director da Guarda, Xurxo Chirro.
Vikingland (Xurxo Chirro, Galiza, 2011, 99′)

O punto de partida de Vikingland son 16 horas de material gravado en VHS por un mariñeiro galego de nome Luís Lomba, «O Haia»,entre os anos ´93 e ´94, mentres traballaba nun transbordador na liña marítima de transporte de viaxeiros, vehículos e mercadorías que une á cidade danesa de Romo e a illa de Sylt, zona onde o frío conxela ao mar. Luís, mentres aprende a utilizar a cámara, rexistra os seus compañeiros de traballo, aos barcos, á paisaxe, a cada unha das súas rutinas laborais e aos seus momentos de descanso e esparexemento. Non se trata, por certo, dun típico traballo de found footage: o director (ou manipulador, como este se define) Xurxo Chirro organiza estes momentos sen tratar de alteralos en busca de efectos dramáticos, respectando as imaxes como o que son, recordos alleos. Unha transposición máis que libre de Moby Dick, unha comedia laboral e melancólica, ambientada e rexistrada dun xeito bastante particular. E tamén un diario videográfico que utiliza recursos do cine moderno para contarnos a trastenda do que puido ser unha historia de viaxes e aventuras indubidablemente decimonónica.

«Vikingland sucede nun tempo de cambio, onde o mundo bipolar daba paso ao triunfo da democracia liberal, que os publicistas do réxime venderon como unha época de crecemento ilimitado, onde esa Europa que non facía falta que a inventasen (segundo Godard) daba os seus primeiros pasos. Foi o concerto económico europeo o que deu a estocada de graza á pesca galega. O destino quixo que Vikingland se xerase e finalmente nacese nos momentos máis duros da existencia da Unión Europea, así como do sistema capitalista. Os protagonistas de Vikingland, eses aventureiros galegos, parecen entón heroes, condenados a aceptar a derrota. A dun estilo de vida e a dun barco que avanza inexorablemente. As súas figuras pertencen a outra época, pero a súa sombra proxéctase sobre o noso tempo. O doado sería facer unha película sobre as primeiras, o éxito de Vikingland consiste en ser unha película sobre as segundas.»
Miguel Blanco, artigo completo en español na revista Lumiere: http://www.elumiere.net/exclusivo_web/fidmarseille11/fidmarseille11_01.php

Entrada de balde