20 agosto 2013

Cinema no xardín: Xornada adicada á experimentación co celuloide





Venres 23 de agosto ás 22.00
Esta semana gozaremos unha dupla sesión na que proxectaremos dúas pezas que comparten o seu carácter performántico, o traballo material no propio celuloide e a modificación en tempo real da proxección.

Dende Coruña ven visitarnos Miguel Mariño para realizar unha variación especial e única de Fomos Ficando Sós
Fomos ficando sós é unha viaxe ás profundidades da experiencia cinematográfica entendida como evento de encontro entre o suxeito e a creación da película que ten lugar en tempo real. Utilizando como simboloxía do contexto fílmico os versos do poeta Manuel Antonio «Fomos ficando sós / ou Mar ou barco e máis nós» a filme performance céntrase en facer consciente á audiencia da súa presenza na sala de proxección. A intervención manual nun loop de celuloide transparente, os instrumentos para alterar a proxección multipantalla e o tratamento do son óptico son os elementos que constrúen o ámbito inmersivo. Fomos ficando sós concíbese como unha travesía individual e colectiva que se interna nun «Mar» (nun Cinema) onde forma e contido asocianse indisolubelmente».
A manipulación da imaxe e do son realízase totalmente en directo. A parte visual resólvese coa utilización de dous proxectores de 16 mm, un loop de película transparente pintada en tempo real e co enfoque e desenfoque selectivo da imaxe. Utilízanse tamén como recursos ópticos diferentes cristais tallados e espellos para conseguir o duplicado exacto de pantallas, a multiplicación de imagenes e o desbordamento da luz.

A outra peza que proxectaremos ten a súa orixe na peza 8 ideada por Cris Lores na cal unhas películas de super 8 son intervidas e tratadas previamente para logo ser tamén modificadas en tempo real durante a proxección.
A proxección contará con acompañamento musical en directo a cargo de Urro

Entrada de balde