18 enero 2013

Comunicado do Liceo Mutante



A asociación cultural autoxestionada Liceo Mutante informa do estado en punto morto no que se atopa a súa situación irregular a cal lle impide a realización de eventos musicais nas instalacións do seu local social da rúa Rosalía de Castro, 100.

Desde que o pasado 14 de decembro de 2012 a Policía Local de Pontevedra se persoase no citado local social coa firme intención de parar o evento musical que alí se estaba a desenvolver, a Asociación reunida en Asemblea de socios decidiu suspender a actividade musical programada para ese mesmo mes e vindeiros, ata ter solucionado devandito problema coas autoridades. Nin que dicir ten a actuación desproporcionada da Policía Local presentando a 10 axentes para facer cumplir esa orde de cese na acticvidade musical.

A Xunta Directiva do Liceo Mutante iniciou os trámites para solicitar audiencia co señor D. Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde de Pontevedra; co señor D. Antón Louro, Teniente de Alcalde e Concelleiro de Urbanismo; a señora Dna. Anxos Riveiro, Concelleira de Cultura; e o señor D. Demetrio Gómez, Concelleiro de Xuventude.

Recibimos resposta da secretaria do Alcalde a cal nos informa que M. A. Fernández Lores xa está en coñecemento da nosa petición, o cal nos remite ó Sr. Louro, responsábel da área competente. Tras non recibir resposta da nosa petición de audiencia co Sr. Louro, decidimos personarnos no seu despacho co cal, non puido negarse a recibirnos, deixándonos claro que sen a obtención da licenza pertinente, el non pode permitir a nosa actividade. Isto levounos a poñernos en contacto coa técnico municipal encargada de aprobar os proxectos para a concesión das licenzas a cal porá no noso coñecemento, agardemos que con brevedade, os requisitos ós cales debemos axustarnos para que a nosa petición vaia a trámite.

Sen máis a nosa reunión con Dna. Anxos Riveiro e D. Demetrio Gómez, tiña coma finalidade atopar unha solución viable para continuar coa nosa programación musical sen perxuizo de ninguén buscando espazos alternativos para a realización dos mesmos namentras o noso local social siga á marxe da legalidade, e ademáis a consecución dalgún tipo de axuda para a realización da conseguinte reforma. Aínda que a disposición parece boa non podemos máis que inquietarnos ante a lentitude do proceso e a falta de implicación por parte dos políticos da nosa vila á hora de resolver este conflicto, cargados de boas intencións nas palabras pero cunha falta de acción desesperante.

A Asociación Cultural Autoxestionada Liceo Mutante de Pontevedra, só pide que se lle permita continuar prestando o mesmo servicio que durante un ano e medio lle leva ofrecendo á cidadanía da nosa vila, un servicio cultural demandado pola sociedade polas carencias que a este respecto presenta o noso Concello, e que nós estabamos a desenvolver de xeito desinteresado, sen custa algunha para as arcas municipais.

Seguiremos loitando para que non nos quiten este dereito. Unha gran maioría de nós estamos en situación de desemprego, sen oportunidades nin futuro e non imos permitir que nos arrinquen un dos poucos motivos que nos quedan para non marchar da nosa cidade.
Longa vida ó Liceo Mutante!