1 diciembre 2021

Comunicado



261657491_4576406055768731_3694124855750711965_n

Ola, queridxs amigxs:

Como xa sabedes ou poderedes intuír, o Liceo Mutante está a atravesar unha situación difícil, con certeza a máis difícil das moitas que tivo que enfrontar dende a súa fundación no verán de 2011. A orde de cese de actividade emitida recentemente polo Concello de Pontevedra coloca a nosa asociación nunha situación crítica e de absoluta vulnerabilidade.

Todas as que asististes aos eventos que fomos programando nos últimos meses sodes testemuñas das constantes visitas da Policía Local, que irrompeu no Liceo absolutamente todos os días en que organizamos actividades, chegando a agasallarnos coa súa presenza até dúas veces na mesma xornada. No mes de agosto, cunha urxencia desproporcionada e un proceder, ao noso parecer, pouco ortodoxo, recibimos un requirimento de inspección do noso local por parte do departamento de Disciplina Urbanística do Concello de Pontevedra.

Sabemos que as visitas da policía atenderon ás constantes chamadas dunha persoa non residente no barrio de Mollabao, de profesión relacionada co mundo da construción, que viña de adquirir nos últimos anos dúas vivendas en estado semirruinoso —así seguen na actualidade— nas inmediacións do Liceo Mutante. Xa que nunca se dirixira a nós en calidade de veciño para nos transmitir o seu malestar coa asociación, atendendo ao sentido común, dirixímonos a el para tratar de atoparlle una solución ao problema. Contounos que o ruído dos eventos que fixemos este verán no xardín foi molesto para el, circunstancia que comprendemos pero que tamén sabemos excepcional, xa que debido á situación sanitaria non puidemos facer actividades dentro, e non facer nada condenábanos a non poder pagar o alugueiro do local e a ir morrendo aos poucos.

Coa mesma urxencia coa que se nos requiriu a inspección do local, resolveuse o expediente e notificóusenos unha orde de cese de actividade. Nela descubrimos que entre o 31.7.2021 e o 2.9.2021 foron entregadas por rexistro nove denuncias, que poñían de manifesto non só a celebración de espectáculos musicais senón tamén irregularidades na situación catastral do inmoble onde está situado o Liceo, inmoble que levamos 10 anos alugando.

Cústanos asumir que o ruído excepcional dun verán marcado por unha situación sanitaria que puxo ao límite o asociacionismo e a cultura autoxestionada sexa a causa que levou a este señor a denunciarnos de xeito compulsivo. Cóntannos outras veciñas que esta persoa amosou o seu interese na adquisición de máis inmobles na zona, algúns deles colindantes co noso espazo. Calquera na nosa situación concluiría que o problema real non é unha simple discrepancia entre veciñas, de doada solución se fose o caso, senón que sobre nós e sobre este conflito paira a pantasma da especulación urbanística. Dinos a nosa intuición que a cada vez máis próxima —e por todas desexada— marcha de ENCE da ría de Pontevedra converte a liña de costa até Marín nun cobizado obxecto de desexo para novos especuladores.

Dende o Liceo Mutante queremos denunciar pois a campaña de acoso á que estamos sendo sometidxs por parte da administración e da propia Policía Local, que, atendendo aos requirimentos do mencionado individuo, chegou a irrumpir recentemente nunha das nosas asembleas, unha actividade totalmente lícita, nas antípodas do recreativo. Denunciamos tamén a nosa situación de indefensión legal e burocrática, poñendo de manifesto a inxustiza que supón que un patrimonio de dez anos de actividade cultural, traballo colectivo e colaboración popular desinteresada, que conseguiron facer de Pontevedra unha pequena marquiña no mapa cultural europeo, non supoña ningunha garantía nin goce de ningún tipo de protección ante este ou calquera outro tipo de prácticas.

Máis unha vez, a obsesión pola acumulación de posesións e o conxunto de ordenamento xurídico, armazóns e burocracias ao seu exclusivo servizo volven amosar as súas gadoupas e prepáranse para o seguinte festín. Coma de costume, esta bacanal será á custa da maioría, de destruír o construído fóra dos círculos do capital, entre todas e en igualdade. Mais a cultura para todas, igualitaria, autoxestionada, o tecido social e as redes de apoio son demasiado importantes, necesarias, como para que alimañas sen escrúpulos as leven por diante. Haberá, polo menos, que dar a batalla por ese mundo novo que levamos nos nosos corazóns, por seguir provocando fisuras na máquina capitalista. Onte foron veciñas, hoxe é o Liceo Mutante e mañá podemos ser todas.

#liceomutanteresiste
#liceomutantenonsevende
#coaculturanonseespecula