22 octubre 2018

Cró! e Grima



cro

Venres 26 de outbro ás 20.30

CRÓ!
Peña que trata ben ós seus instrumentos, porque non é que sexan precisamente baratos e porque na vida non todo vai ser andar a rachar coas cousas. E ademáis os deles vese que son de madeira boa, coma os mobles da casa da miña tía Mucha. O teclado de Xabi parece que pesa bastante e Rubén seica toca sentado para que, en caso de caer a súa guitarra, o impacto sexa menor. Os platillos de Cibrán son de ouro e as cordas do baixo de David, de prata fina. David ademáis ten pelazo. Sempre que penso en Cró!, a imaxe que me ven á cabeza é o pelo de David, que, na miña opinión, é ademáis un bo símil da música do grupo: enrevesado, contido por momentos (esa coleta!) pero indomable, poliédrico, polimórfico, exuberante, ameazante, desconcertante, clásico pero arriscado… En definitiva, tecido polas mans caprichosas dos deuses. E ademáis son o grupo favorito de Xaime Lis Carrera, quen, ademáis de comandar a tenda de tebeos máis guai de Compostela, garda algún tipo de parentesco con Cholo, o que fora capitán do Pontevedra do Hai Que Roelo.

https://spacecro.bandcamp.com/

GRIMA
Peña que trata mal ós seus instrumentos, porque na vida non todo vai ser orde e virtude. O residente Facu e Laura non andan con lerias; sacuden e retorcen os seus instrumentos en bucle ata a extenuación. Non sei como se chama o que fan, pero entendo que a etiqueta debería incluir palabras como “metal”, “progresivo”, “internete”, “baquetazo”, “grunge”, “piti”, “tool”, “intenso”, “hipnótico”, “denso”, “ole”, “caña”, “tímpano”, “circular”, “xeométrico” ou “telepizza”. Pronto serán uns clásicos. Sei ben o que digo!


Donativo entre 5 e 10 € íntegro para as bandas