6 marzo 2017

Dr. Gilino & Mrs Penadique + Arturo Dopico e a Charanga Mutante



Sábado 11 ás 20.30

O sábado 11 temos un evento especial. Raíces, vangardas, autoedición, terriña, experimentación, jazz, peiteados salvaxes, etc. O Liceo está intratable. Rebosa saúde. Imposible capturalo nun esquema. Non hai gráficas para explicar isto, amigas!

Por unha banda estará Dr. Gilino & Mrs. Penadique en formato dúo piano e voz. Jazz e canción tradicional galega en harmonía perfecta. Un avance do que ofrecerá con banda completa, co proxecto Azul de Bueu, nun futuro cercano. The shape of Galician jazz to come!

Pola outra, un home misterioso ante os focos. Que é máis habitual, escordar un nocello ou romper o corazón? O socio mutante Estevo (o pirata da barra, o tarzán do barril, o poeta zíngaro da camisola aberta) vai botar uns contos, uns versos libérrimos e autóctonos, un speech pragado de charm. E o fará a modo de diálogo coa auténtica e xenuína Charanga Mutante, un grupo de compañeiras mutantes das que andamos a cobrar entrada, meter o rancho nos vasos e escribir os eventos, esta vez aporreando, frotando, peliscando e acariñando diversos instrumentos libremente.

Ademais, presentarase o fanzine poético do propio Estevo coa asistencia de Juan F. Navazas nas ilustracións: «Herbarium Plantarium Mutantarium». Un percorrido cotián e xeitoso polas prantas, herbas, flores e árbores da contorna, a maior gloria e beneficio do noso Liceo Mutante, que o merece todo porque é un milagre e ás veces anda un pouco necesitado.

Vinde co corazón aberto e elexide que queredes pagar de entrada entre os 5 e os 8 € que xa son habituais.