O venres 27 prodúcese o agardado desembarco de Discos da Máquina no Liceo Mutante, coa presenza de dous dos seus estiletes: Das Kapital e Grampoder
http://discosdamaquina.com/
Grampoder son Le Roi e Martin Wu, vellos coñecidos, antigos compoñentes de bandas de The Homens, Stay Pretty ou Fame Neghra.
Fan rock portátil, pop campestre, folk psicodélico, punk acústico, hardcore comeflores. O seu set cabe nun Seat Ibiza e din que tanto poden tocar no Carnegie Hall coma no hall dun piso de protección oficial. De feito, na súa curta traxectoria xa tiveron ocasión de actuar en bares, restaurantes, chiringuitos, museos de arte contemporánea, galpóns e salas de estar. Porque o concepto é ese: facer boas cancións, con melodía, enerxía e compromiso, e poder adaptalas a calquera escenario.
http://grampoder.bandcamp.com/
http://grampoder.tumblr.com/
Das Kapital nacen en 2011 no corazón da treboada. Autora dos elepés Ruído negro e Grecia, a banda combina axitación, propaganda, beats rotos, unha poética desfigurada pola guerra en curso, melodías fóra de consenso, palabras de orde intempestivas, e adscríbese ao mesmo lugar que comparten Walter Benjamin e Programme, Os Resentidos e Heiner Müller, Nine Inch Nails e Lois Pereiro. A célula compóñena O Leo (voz), Marcos Paino (bases e sintetizadores) e Daniel Salgado (sintetizador) e por ela pasan, ademais, Tomas Ageitos (son e produción), Doctor Chou (guitarra) e David Ageitos (guitarra). Das Kapital chama a escoller bando e decidir entre o socialismo e a barbarie.
http://daskapital1.bandcamp.com/
Todo isto por só unha axuda de 5 €