24 marzo 2016

Esperit! + Negro + Aliment



fermau

Venres 25 de marzo ás 20.00
A deste Venres Santo tamén é boa! Van ser dous días consecutivos de mística, paixón e resurrección. Ó día seguinte do pepinazo de Extinción de los Insectos e Sudor, recibimos a outros dous dos nosos artistas máis queridos e venerados, Esperit! e Negro, Mau e Fer, que veñen presentar «Heráclito», o seu incrible LP compartido, acompañados desta volta polos punkrockeiros cataláns Aliment, que traen tamén fresquiño o seu último traballo, «Silverback».

ESPERIT!
Lembro a primeira actuación de Mau no Liceo como unha das máis fermosas xamais acontecidas no noso caseto. Era unha noite dun inverno frío, escuro, mollado e moi longo de hai uns anos. Andabamos todos tristes, escaralladiños. Chegou Mau, o sorrinte home orquesta, disposto a salvarnos da longa noite de pedra a base de ritmos cálidos, melodías alegres e experimentación sanadora. Montamos na súa alfombra máxica, bailamos a tope, rimos un montón. Antes de marchar, cantounos unha nana e deixounos durmindo á beira do lume.
É o que acontece cada vez que volve Mau: trae de volta a luz. A primavera traena el na súa mochiliña.

http://www.bankrobber.net/es/esperit


NEGRO
Lembro a última actuación de Fer no Liceo como outra das máis fermosas acontecidas no noso cortello. Foi no aniversario de hai dous anos. Aínda que era verán, chovía un pouco. Chafárasenos un pouco a festa. Entón Fer sentou, colleu a súa guitarra, fíxolle cousas desas raras que lle fai para sacar sons extraterrestres e acolledores. Empezou a repartir Cola Cao quentiño. Tranquilitos todos; el negrata está aquí para resucitaros y llevaros al sol. Hipnotizounos. Paralizounos. Secounos. Fíxonos chorar incluso. Salvounos o aniversario e a vida. E despois puxo unha camisa con motivos florais e desapareceu sacudindo os seus rizos cósmicos Junquera® entre a xente.

https://negro2001.bandcamp.com/

Atención a «Heráclito», o discazo que comparten e que veñen presentar:

http://www.rockdelux.com/audio-video/p/esperit-negro-heraclito.html

ALIMENT
Debut no Liceo dos cataláns Aliment. Chegan avalados polo selo de calidade de La Castanya, casa dalgúns dos nosos máis queridos artistas. Estrean «Silverback», un fugaz disco de punk rock con gusto pola suciedade, a melodía sutil e a velocidade. Os seus directos teñen fama de vendavais e nos vídeos que hai en Youtube a xente sacude o esquelete a toda pastilla. Temos moitas ganas de coñecelos e de que os coñezades.

http://aliment.bandcamp.com/

Menú deluxe por 7 miserables euros destinados integramente ós artistas.