A noite do vindeiro 17 de marzo no Liceo promete ser mítica. Se falamos de Extinción de los Insectos ninguén saberá de que vai o conto, pero se engadimos que é un dúo composto polo guitarra/cantante de A Room With a View e o batería de Mushitcians, dos ollos dos máis veteranos da escea submundana pontevedresa comezarán a brotar chispiñas de melancolía. Cando A Room With a View tocaran a finais dos 90 naquela rateira que era a Mecánica os cerebros dos alí presentes estouparon abraiados; na provinciana e conservadora Pontevedra nunca tal se vira. Aquel concerto cambiou o noso xeito de ver a música, deixándonos parvos coa súa maneira de destrozar os límites interestilísticos cos que tanto nos gustaba encher a boca ata entón. Do integrismo punk e hardcore pasouse a unha apertura de oídos curiosa e sensiblemente máis desprexuizada, a unha actitude máis arriscada e, en esencia, máis punk. Non me cansarei xamáis de reivindicar a importancia dese concerto para o discorrer posterior da escea desta nosa cidade. Atrévome a dicir que, de non ter existido A Room With a View, non tería existido o Liceo Mutante. O que non estea de acordo que mo veña discutir.
Un par de anos máis tarde, se non me trabuco, chegaron Mushitcians ó mesmo escenario. A súa pegada non foi tan fonda coma a de ARWAV, pero a súa velocidade e os seus chíos fixeron tolear ás ratas que estabamos metidas naquel burato, noutro concerto inesquecible.
Pero abonda xa de chorar. Estamos no 2012 e aí os veñen, a estoupar con todo. Extinción de los Insectos é, en parte, unha incógnita para todos nós. Nunca os escoitamos, pero non é necesario. Logo dos seus primeiros grupos xa mencionados, Jose e Miguel coincidiron en proxectos tan brillantes e fugaces como Ensaladilla Rusa e Campamento Ñec Ñec, editando tres discos («Coleópteros» e «África» cos primeiros e «Alimaña» cos segundos) que ían anos luz por diante do tempo no que lles tocou vivir. Con esas credenciais só nos podemos sentir afortunados pola súa visita.
Jose, pola súa banda, xa nos visitara nos dous últimos anos baixo o nome de Atomizador. Alguén dou en chamar ó seu estilo «ukelelecore», pero a cousa vai máis alá. Para que escribir máis sobre o tema se vos podo amosar este vídeo?:
E ademáis, Urro. Un trío da casa, improvisadores descerebrados e radicais, sen rumbo nin frenos. Unha bendición para Pontevedra.
Vémonos no Liceo. Lembrade unha vez máis: «El que avisa, traiciona».