23 mayo 2016

Festa da Asociación pola Defensa da Ría: Móvete pola Ría



Temos o pracer de convidarvos a unha celebración moi especial para o Liceo Mutante. O sábado pola tardiña abriremos o noso local para desfrutar dun convivio en apoio á “Asociación Pola Defensa da Ría”, piar fundamental da militancia ecoloxista en Pontevedra, abandeirados da loita contra a terrible veciña que nos asfixia e destroza a nosa fermosa ría, a fábrica ENCE-ELNOSA.

Nos vindeiros días levarán a cabo diferentes accións de visibilización e reivindicación, sendo unha delas esta xornada de festa na que pasaremos a tarde xuntas no xardín con vistas a esa ría pola que todas imos pelexar ata mirala libre e limpa.

Dende as 18 horas haberá petiscos, música, e festa garantida. A partir das 20:30 contaremos coas actuacións de dúas bandas que quixeron unirse ao evento para mostrar todo o seu apoio á causa:

-Por unha banda teremos a Piter, Ralph & Tery, un trio formado por membros de Debuxos Reanimados que ven deleitarnos con toda a súa retranca e imaxinación.

-Pola outra veñen os Enki, contundente proxecto de Jose, Alber, Kin e Yago, músicos con longa traxectoria en importantes bandas da nosa vila co que pecharemos a xornada de festa.

Todo isto por 3 € que irán destinados para que a APDR siga defendendo a nosa contorna como o leva facendo dende hai case trinta anos. Mostra o teu apoio compartindo con nós a tarde do sábado 21 a partir das 18 horas no local do Liceo Mutante, na rúa Rosalía de Castro nº100, Mollabao, Pontevedra.
____
A «Asociación Pola Defensa da Ría» de Pontevedra (APDR), nace a finais de 1987 como resposta á preocupación cidadá diante da grave situación de deterioro ambiental que sofre o medio natural na zona; trátase dunha asociación ecoloxista plural e aberta a todas as persoas que -con independencia da súa condición e ideoloxía- coincidan no interese pola recuperación e potenciación da maior das riquezas ecolóxicas da nosa bisbarra: a ría e o seu contorno.

A nosa aspiración a un modelo de desenvolvemento sustentábel, baseado na explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros e forestais e dun turismo alternativo, e o convencemento de que este desenvolvemento económico e ecolóxico da bisbarra vai ligado en moi boa medida á recuperación do ecosistema rio-ría , xustifican de cheo a adopción do nome da Asociación.

No camiño cara á consecución do obxectivo xeral adiantado, a APDR prantéxase conquerir a eliminación da totalidade dos vertidos contaminantes (urbanos e industriais) que van parar aos nosos ríos e á ría, a paralización dos recheos na Ría e nos ríos que a conforman, a desaparición da contaminación atmosférica , a adopción dun sistema racional de recollida e tratamento do lixo (baseado na reciclaxe, a reutilización e a redución); aposta por un urbanismo máis racional, por uns núcleos de poboación máis limpos, sáns e habitábeis, con máis zonas verdes e de lecer, e nos que moito do espazo hoxe ocupado polo cemento e os automóbiles sexa recuperado para as persoas. Fronte ao monocultivo de eucalipto actualmente existente, defendemos unha explotación diversificada e o uso racional de todas as potencialidades que o monte galego ten (madeira, froitos, cogumelos, turismo, lecer, educación…

A loita pola recuperación dos espazos naturais non degradados definitivamente e pola desaparición dos principais focos contaminantes da nosa ría, TAFISA e, nomeadamente, o complexo CELULOSAS-ELNOSA, foi fundamental no noso facer cotián, no que vimos promovendo e organizando todo tipo de actividades de divulgación e sensibilización (charlas, conferencias, edición de boletíns e informes técnicos,…), mobilizadoras (manifestacións e concentracións, recollidas de sinaturas,…) e de denuncia pública (nos medios de comunicación, diante das administracións e organismos públicos) e xudicial.