14 junio 2013

Fluzo voltan ao Liceo Mutante!!




Sábado 15 de xuño ás 20.00
No Liceo Mutante tivemos a gran sorte de que Fluzo fosen dos primeiros en pasarse por Mollabao. E aínda estamos coa boca aberta!!
Agora volven para presentar o seu novo single Lastre e Oleada, nunha tarde/noite que se presenta antolóxica.

Fluzo carburan cara o lado contrario do que sopra o vento. A tímbrica, as programacións, as estructuras; todo reafirma que están a buscar outra cousa dentro do xénero. Sen peras co virtuosismo; eiqui hai moito corazón, e o experimental non é máis ca unha ferramenta.
A proba disto é a particular combinación de instrumentos dos seus temas. A súa obra captura o sabor da electrónica non bailable dos 90, a sensibilidade das bandas sonoras dos videoxogos en cassette, as tripas do delta bluesgravado cun só micro ou a ausencia de limites no rap clásico. E con isto non nos referimos a fusilar a súa colección de discos. Eiqui non hai
reciclaxe nin homenaxes. Trátase de descubrir que lle pasaba pola cabeza a Antonio Machín cando pronunciaba que se vive somentes unha vez.

Fluzo lévanos a compartir momentos de soidade, sexo deportivo, amores obsesivos e festas onde menear as cachas; as súas liricas andan a navegar por un pequeno universo, cun imaxinario que se repite coma no mundo dun autor de comix. Léxico selecto e fonética acrobática dende a Galiza universal, aquela extensión que formaba o mundo antes de separarse en continentes e da que ainda quedan restos por aí espallados, permitindo atopar un paisano en calquera punto do planeta.

Son quen de levar o chiptunes, os aparatos máis bastardos do circuit-bending e a colección máis potente de Casios modificados da Europa non-civilizada ben lonxe do seu contexto, ata bailar entre ritmos hipnóticos e programacións que desafían as leis matemáticas.
Eche a hostia porque, así e todo, no fondo trátase dunha historia ben espontanea.
Para Fluzo o natural é cuestionaren as cousas.

Podedes escoitalos aquí: http://fluzeando.com/

A entrada serán 5 € ou ben 7 € co single