6 julio 2021

Fotocopia + Savvna



savna

Sábado 10 de xullo

Fotocopia veñen desde a Coruña para facer funcionar as súas máquinas sonoras no
Liceo Mutante. Baixo o selo INTERRUPTOR levan tempo experimentando co ruído, a
repetición e o uso de cacharrada electrónica varia 1 . En fin, que veñen ao Liceo a facer
música electrónica agresiva e ruidosa que tenta ser honesta e destrutora. Veñen
doutros proxectos coma Monstruo, Uzumaki, Zara ou F.I.G.A. Electrónica, noise,
punk… xusto todo o que estabades agardando.
Soñan as máquinas pensantes coa música? Escoita Blixa Bargeld Fotocopia antes de
durmir? Fai ruído o corpo podrecido de Alan Turing?
Para atopar respostas a todo isto tedes que vir, este sábado 10 de xullo, ao Liceo
Mutante. Estades avisadas.

Savvna veñen desde Catoira para desbrozar o Liceo co seu ritmo. Fan post punk
minimalista de clase obreira. Cunhas bases electrónicas que farían chorar aos Ca de
Bestiar, un teclado alemán e Ales Turbo metendo as voces, probablemente, no medio
de todo isto, o concerto do sábado pode ser inesquecible. Unha experiencia única,
como cando Edward Snowden estivo no Scala contando as movidas aquelas que…
Xa lles gustaría aos Sleaford Mods soar como Savvna!
Savvna son Ales e Manuelao (os dous de Copa Turbo). Probablemente o mellor grupo
de Catoira.

As portas abriranse ás 19:00. Haberá dous pases no interior do Liceo. Co cal tedes que
reservar no pase que queirades. Un pase será ás 20h e outro ás 21h. Podedes reservar
mandando un mail a anticipadas.liceomutante@gmail.com
Pedirase unha axuda entre 5 e 10 euros que irá destinada integramente aos músicos.
Queremos que o Liceo Mutante sexa un espazo seguro para todas, polo que vos
pedimos a vosa colaboración e o respecto a todas as medidas sanitarias pertinentes.

1 Non en balde estarán o día 9 no Ateneo Libertario de Pontevedra facendo un obradoiro de
autoconstrución de sintetizadores en protoboard e o día 11 no Liceo Mutante facendo un
obradoiro para construír un Pedal de Delay.