13 octubre 2018

Golden Oriole + Gaute Granli



golden

Martes 16 de outubro ás 20.30

Ano 2012, aparecen polo Liceo tres rapaces novos de Stavanger (que lle botarán na auga aí para que saian tantos grupazos?) Noruega, chamados Staer para dar un concerto memorábel, sacando da manga un rock marciano, contundente e orixinalísimo que nos deixa alucinadas.
Ano 2014, repítese a xogada.
Ano 2018, Staer xa non existen pero Kristoffer e Thore (guitarra e batería respectivamente) seguen de xira permanente a tocar a xuntos baixo o nome de Golden Oriole, e visitan de novo o Liceo para despregar en Mollabao o seu tinglado, agora máis depurado se cadra, onde saen influencias tribais e de vangarda, funk de esguello, e toda caste de efectos chalupis para bailar unha experiencia sonora demoledora, convulsa e sorprendente.
https://goldenoriole.bandcamp.com/

Para a nosa sorte non veñen sós, senón que os acompaña Gaute Granli, tamén veciño de Stavanger. Vén armado cunha guitarra, electrónica e frautas para crear unha música cinemática, onde as guitarras “jandekianas” van da man da electrónica nebulosa, tatexas caixas de ritmo e voces narcóticas dan forma a unha sorte de exótica e gozosa nebulosa.
http://www.skussmaal.com/gaute-granli/

Os martes son días perfectos para as boas sorpresas e rematamos cediño, xa sabedes.
Pediremos unha axuda entre 5 e 10 € para os músicos vidos de tan lonxe