3 septiembre 2018

Grabba Grabba Tape



grabba

Xoves 6 de setembro ás 20.45

Se algún día vira a luz algún documental sobre GRABBA GRABBA TAPE! debería levar por título algo en plan «Dos Chalupis de Pelo en Pecho». Circulan por aí unha chea de lendas arredor destes dous bichos peludos, seres mitolóxicos xurdidos do fértil underground madrileño da década pasada ó abrigo do non menos mítico selo Gssh! Gssh!, no seu día casa de proxectos como Campamento Ñec Ñec, Margarita, Prisma en Llamas, Bananas, Ensaladilla Rusa ou Ginferno, por citar algúns. Non se sabe ben se son alieníxenas, bonecos de peluxe, mascotas maleducadas ou señores disfrazados. Os especialistas que respaldan esta última teoría atrévense incluso a aventurar que debaixo deses pelos están Grosman (a.k.a. Grosgoroth, vello coñecido do Liceo e debuxante de comics tan desquiciados como riquiños) e Lolo (a.k.a. Manuel Donada, debuxante de éxito e deseñador de varios discos dos que tes -ou deberías ter- na túa casa). Outras correntes máis realistas dentro da mesma teoría sinalan a Banksy ou a Daft Punk. Sexa como fora, despois dunha década de inactividade, o día 6 traen ó Liceo a súa particular mistura de punk, vocoder, teclados illuminati e, sobre todo, insistimos, chalupismo que vos podemos asegurar que non habedes esquecer.

https://grabbagrabbatape.bandcamp.com/

Como sempre, donativo a vontade entre 5 e 8€ destinado íntegramente a arranxar a súa nave para que volten a onde diaños sexa que veñen.