6 mayo 2013

Grapo Grapo: II Xornadas Mutantes de autoedición




Logo de chorar de emoción ó remate da primeira edición das xornadas, na que se superaron por moito as previsións tanto de participación coma de público e de calidade, o Liceo Mutante quere aproveitar a volta do sol para vos invocar de novo, oh, inquedos devotos do DIY, para que compartades con nós os vosos micromundos e as vosas chaladuras tomando o aire arredor da gran palmeira do noso xardín os vindeiros 21 e 22 de xuño.
Queremos que traiades os vosos fanzines, comics, discos, serigrafías e demáis cacharradas. Queremos botar unhas risas e coñecer as propostas máis marxinais e arriscadas. Queremos facer da nosa casa a vosa aproveitando o nacemento do mellor verán das vosas vidas.
Entre as actividades previstas están un mercadiño permanente, charlas, proxeccións, actuacións musicais e unha gran rifa final que vos vai facer vomitar coa risa. Temos tamén a intención de facilitarvos na medida do posible o aloxamento.
Enviade as vosas propostas antes do 15 de maio a artes.liceomutante@gmail.com contándonos que é o que facedes, que é o que queredes traer e cal é a vosa procedencia.

Agardámosvos en Pontevedra con ilusión!

Guardar