24 julio 2012

I Aniversario do Liceo Mutante



Parece que foi onte cando un grupo de ousados reuníanse nunha céntrica praza de Pontevedra para, entre pipas e latas de refresco, decidirse a pasar á acción e levar á práctica unha idea que tiñan en mente: constituír unha Asociación Cultural para poder desenvolver baixo o seu abrigo un montón de propostas culturais para unha xeración de mozos dividida entre o paro e a emigración.

O que parecía unha utopía inalcanzable foi dando paso a unha sucesión de difíciles retos para rematar conseguindo unha continuidade para un proxecto único que, aínda en cueiros, ten que ofrecer moito.

Froito dos dous espíritos, tanto o de celebrar o conseguido coma o de seguir mostrando a súa proposta, nace o primeiro Aniversario, que aglutina un concerto dalgunhas das bandas máis celebradas nese recanto do Lérez e un bo montón de actividades que farán as delicias de todos os asistentes. Celebrarase durante a tarde-noite do próximo 27 de xullo.

O cartel confórmano as bandas galegas Guerrera, Malandrómeda,Telephones Rouges e Unicornibot, así como as formacións experimentais que máis triunfaron no seu paso polo Liceo, Trilitrate e Suelen Estar Quartet. Dende Madrid e en representación de La Faena (templo do underground peninsular e espello musical do Liceo Mutante) visitan o local de Mollabao os Mesa Camilla.

Velaquí están os horarios!
16.00: Torneo de Ping-Pong
18.00: Concertos no Xardín Mutante: Trilitrate e Suelen Estar Quartet
19.00: Mesa Camilla
19.45: Guerrera
20.30: Telephones Rouges
21.30: Malandrómeda
22.30: Unicornibot
23.30: Antikaraoke

VENDA DE ENTRADAS: Podedes facervos cunha entrada no propio Liceo Mutante, na Pega Moura ou O Gato Gordo.

Guerrera son ao blues galego do século XXI o que Andrés do Barro achegou á música lixeira: paixón e brío, clase e enerxía roqueira. Con membros ilustres da Orquestra Metamovida, venceron e convenceron no seu paso polo Liceo e volverán poñerse a coroa.
http://www.youtube.com/watch?v=Y7jJGXrKeY8&feature=related

Malandrómeda levan xa uns anos enchendo os escenarios só coa desenvoltura, clase e enerxía de Hevi, máis as piruetas electrónicas cheas de risco e ritmo de Caldeirada, facendo bailar a todo o persoal con ese estilo tan difícil de describir dentro do hiphop que poucos poden alcanzar. Hevi xa nos puxo a cen nos comezos do Liceo Mutante e queremos volver mover o bullarengue a base de ben.

http://vimeo.com/30603500
http://www.malandromeda.com/

Trilitrate é unha formación viguesa de música acústica, sofisticada pero directa, pasional pero imbricada, todo un exercicio de técnica, tensión e pracer instrumental. Suelen Estar Quartet asombrou e deixou ao respectable coa boca aberta nunha das noites máis recordadas do Liceo. Ambas as dúas formacións tocarán no xardín e reservan algunha que outra sorpresa para unha tarde/noite de escándalo.

http://trilitrate.bandcamp.com/album/trilitrate http://suelenestarquartet.jimdo.com/

Mesa Camilla son unha formación rocosamente sólida e cargada dunha tensión instrumental e vocal dificilmente describible nunhas liñas. Veñen dende Madrid representando aos Estudos Brazil, a Brama, a La Faena. Resumindo, unha aposta do Liceo Mutante pola elite do underground peninsular.

http://www.youtube.com/watch?v=kR0ZTPh2d2A

Telephones Rouges son unha das bandas máis desenfadadas, divertidas, bromistas e prometedoras da nova xeración de artistas galegos que non deixa de dar que falar en toda a terra coa súa mestura de garage, rock e punk que non permite a ninguén parar a tomar alento. Outra das bandas que asistiu ao parto e nacemento do Liceo e que ocupa un lugar en todos os corazóns Mutantes.
http://telephonesrouges.bandcamp.com/album/radiocontrol-ep

Unicornibot, como banda da casa, exercerán de mestres de cerimonias envoltos en papel de prata e presentarán os últimos avances dunha xira estival que lles está a levar moito máis lonxe do que ninguén podería imaxinar. Un peche ao grande para rematar un aniversario cargado de boas vibracións e diversión xeral para recordar durante moitos anos máis.
http://dotheunicornibot.wordpress.com/ http://dotheunicornibot.bandcamp.com/

Ademais da música o Liceo Mutante estará a programar todo tipo de actividades paralelas tanto dentro do seu local como no seu xardín, incluíndo sesións de antikaraoke, campionato de pinpón (deporte oficial Mutante) e outros xogos, exposicións, proxeccións e toda a diversión que un evento tan notable pode ofrecer.