Sábado 1 de agosto ás 18.00
Milagrosamente, na nosa particular travesía polo deserto cultural podemos dicir que imos celebrar o noso cuarto aniversario.
Queremos invitarvos a pasar por aquí e tomarlle unha por catro anos de independencia e arte no noso querido Liceo Mutante na tardiña do próximo sábado 1 de agosto.
Para poñe-la enerxía musical temos a visita duns artistas que xa agardabamos con ansias, grandes amigos e xente da casa.
Os madrileños Rosvita visitan por primeira vez o Liceo para poñernos a bailar coa súa cocteleira máxica de sintetizadores, guitarras e temazos que non sabemos se fan pasodobles do futuro, rock tropical ou electrohardcore vitalista.
Serán acompañados para a ocasión pola visita tamén de PANTIS (https://www.facebook.com/ulopantis), o proxecto persoal de Rubén Domínguez (membro dos míticos Telephones Rouges e Chicharrón, creador da editorial/selo PRENOM e master do audiovisual underground galego), onde desenvolve a súa persoal visión do pop electrónico.
Serán anfitrións dous cachos de xamón no cocido mutante: a revisita dos intensos Lluvia de Ciervos e o debut dos exunicórnicos diola.
E ollo, que todo iso acontecerá namentres podes competir nos nosos tradicionais xogos populares (este ano recuperamos o mítico torneo de tenis de mesa) no noso xardín e enche-lo bandullo coas mellores viandas caseiras do mundo.
E canto credes que pedimos por este paraíso concentrado nun tempo e lugar? Pois mira, nin un céntimo máis que sete euros, destinados integramente a cubrir as viaxes e demáis caprichos dos artistas.
Igual que noutras grandes datas, lembrámosvos que por seguridade e comodidade temos un aforo limitado, así que non perdas a oportunidade de reserva-la túa entrada en anticipadas.liceomutante@gmail.com. Aí te informamos dos detalles!
Abrimos portas ás 18.00. 🙂
Tómate unha con nós por catro anos de amor mutante!