9 julio 2018

La Redada



la redada

Martes 10 de xullo ás 20.30

La Redada son un sexteto de música tropical psicodélica dende o Distrito Federal formada polos mexicanos Carlos Icaza (Tropicaza), Julien Donk e Víctor Sánchez, os chilenos Daniel Llermaly e Fernando Caridi e o holandés Feike de Jong.

O combo nace a partir de unha extinta estación ilegal de radio do DF coñecida coma Radio Fantasma e autodefínense coma «o remedio infalible a escasez de baile no mundo actual», e coa música latina dos anos trinta e setenta coma punto de partida, viaxan a través dun océano de influencias coma o danzón, o cha-cha-cha ou o funk latino psicodélico, resucitando as esencias e sons escondidos nas caixas de vinilos de segunda man. O seu obxectivo é revisitar o pasado imaxinario da Cidade de México, onde reina a aventura, a enerxía do baile e o impulso vital dos vinte millóns de persoas que a moven. Sabores, ritmos e cores que fan bailar ata ás pedras a base de theremin, farfisas e congas.

Durante a súa curta historia, La Redada compartiu escenario con artistas coma Brian Wilson, Devendra Banhart, Seun Kuti, Ty Segall ou Black Angels, tamén gravaron con Gilles Peterson cando este parou no DF a facer un programa para Worldwide FM.

O primeiro EP do grupo, publicado en formato vinilo de 7” e titulado Ábrete Sésamo, foi lanzado polo selo de Chicago Sonorama, e próximamente verá a luz un novo EP editado por Vampisoul.

Ábrete Sésamo clip: https://www.youtube.com/watch?v=XdlJ0Ai46OY
Ábrete Sésamo (En Directo): https://www.youtube.com/watch?v=QUih_wkGWrk
Bandcamp: https://laredada.bandcamp.com/releases

Donativo entre 5 e 10 € íntegro para os artistas.

Portas: 20.30
Concerto: 21.00