9 septiembre 2015

Lucrecia Dalt + Don The Tiger + Dean Roberts + Krapoola + Dj Philister



TOUR 2015 Liceo Mutante

Venres 11 de setembro ás 19.30: Lucrecia Dalt + Don The Tiger + Dean Roberts + Krapoola + Dj Philister

A que se nos vén enriba con esta furgoneta cargada de amig@s residentes en Berlín dispostos a volarnos os miolos coas súa propostas:

Lucrecia Dalt explora novas formas de facer colisionar melodías e estruturas abstractas. Colombiana, aínda que afincada en Berlín, factura un pop electrónico tan confesional, orgánico, delicado e humano como metafísico, complexo e tecnolóxico. Colaborou co netlabel de Medellín Series Media, os berlineses F.S.Blumm, Gudrun Gut, Rashad Becker e Barbara Morgenstern, coa americana Julia Holter e máis recentemente co grupo de colaboración telepática conformado por Laurel Halo, Rashad Becker, Julia Holter, Gregoire Simon, Kohei Matsunaga e Charlotte Collin.
http://lucreciadalt.tumblr.com/

Don the Tiger foi un dos músicos máis activos e inquedos do subsolo musical barcelonés dos 2000. A súa presenza destaca non só á fronte de bandas como Bestia Ferida, Veracruz, Capitán e Homenatges, senón tamén acompañando ou improvisando xunto a Lydia Lunch, Mark Cunningham ou Weasel Walter. A mediados do 2011 trasladouse a Berlín, onde encontrou a enerxía e o espazo suficiente para solidificar a súa proposta e gravar «Varadero», o seu debut como Don the Tiger tras 15 anos de experimentos con fitas. «Varadero» rebaixa os instintos asasinos do primeiro tigre (ao que lle obsesionaba o ruído e a furia de Esplendor Geométrico, Scorn e Keiji Haino) para internarse en terreos máis melódicos e emocionantes.
http://www.vara-dero.com/ https://www.facebook.com/pages/Don-The-Tiger/

Dean Roberts é unha das cabezas visibles da música contemporánea en Nova Zelandia. En forma de grupo de rock en Thela, baixo o seu nome ou seudónimo ou en proxectos experimentais coma Autistic Daughters, o neozelandés leva xa varias décadas instalado – que non acomodado – na vangarda. Integra elementos de música electro-acústica, minimalismo, rock e música improvisada. De entre os suas innumerables colaboracións destacan Sonic Youth, Jim O´Rourke, Phill Niblock, Tower Recordings, Mike Cooper, Martin Brandlmayr, Werner Dafeldecker, Eugene Chadbourne, Kevin Drumm, Fennesz ou Tony Buck.
http://www.kranky.net/artists/robertsd.html

Krapoola é un dos personaxes clave para entender o subsolo madrileño da primeira década deste século. O seu entusiasta e intenso labor exerceu de elemento aglutinador para un dos períodos máis buliciosos da música subterránea deste país. Estendeu os seus tentáculos en múltiples direccións: dende a súa propia produción artística, pasando polo seu desempeño como pinchadiscos sui generis ou á organización de concertos e actividades de distinta pelaxe. Actualmente afincado en Berlín, Krapoola é un personaxe idiosincrático e escorregadizo cuxa proposta está a cabalo do accionismo vienés, as estéticas ruidistas e as instalacións sonoras.

Entre cambio e cambio amenizará Dj Philister experto en mesturar capas de son abstracto e elexíaco con arrebatos de Tourette, foleys para debuxos animados e estertores de morte.

A entrada só custará 6 €