Mércores 18 de novembro ás 20.00
Tivemos a enorme sorte de que o belga Manu Louis e os alemáns Batalj quixesen vir ao Liceo no medio das súa respectivas xiras, ofrecímoslle compartir a noite e dada a súa gran xenerosidade aceptaron encantados, conformando un programa para o mércores que promete ser unha das mellores noites deste ano.
Dende Bélxica vén Manu Louis cargado co seu exército de samplers, caixas de ritmos e cachivaches que lle permiten fabricar unha música elegante e divertida, para menear o esquelete e o cerebro. Chanson hiperactiva para a era dixital, Manu canta, rapea, fai spoken word por riba dunhas bases tremendamente infecciosas, intelixentes e divertidas. A música de Manu Louis, compositor de música contemporánea e membro do inesquecibles Funk Sinatra, conecta os extremos no lugar de ficar no medio, colisiona a exótica e glamourosa música pop da súa xuventude coa electrónica, o folk, o hip hop, o industrial ou as brass bands cun resultado contaxioso que invita ao baile.
http://www.louislouis.org/
Pola súa banda Batalj veñen de Berlín e frabrican un punk ruidoso, caótico e experimental con sintetizadores analóxicos, frenéticas labazadas percutivas, guitarras deformes e voces afogadas en berros, creando unha paisaxe sonora chea de ritmos espasmódicos, riffs, explosións, pitidos e caos máis ou menos controlado, nun asalto sónico verdadaremente furioso e inventivo que nos lembra a Harry Pussy, The Locust ou ás bandas de Load Records.
http://batalj.net/
https://batalj.bandcamp.com/
Pedirase unha axuda de 6 euros destinada integramente a tentar cubrir os gastos dos músicos.