24 mayo 2013

Mesa of the lost women & Junko no Liceo!



Martes 28 de maio ás 20.00
Se fai uns anos alguén nos di que Junko e Mesa of the Lost Women ían estar en Pontevedra tomaríamolo por tolo.
E quen son Junko e Mesa of the Lost Women?
Junko é a «cantante» de Hijoakaidan, impresionante banda xaponesa de improvisación e noise, cuxos directos son sempre espectaculares, ademais é colaboradora de xente como Mattin,Otomo Yoshihide, Borbetomagus, Nihilist Spasm Band ou o noso amigo Michel Henritzi.
Junko é a responsabel duns berridos cargados de beleza e terror.
Pola súa banda, Mesa of the Lost Women son un dúo francés (as bandas francesas que tocan entre semana no Liceo sempre a lían parda) formado por Yves Botz, compañeiro de Michel Henritzi nos intimidantes Dustbreeders, e Christophe Sorro á batería e electrónica. Os dous xuntos forman unha célula de free rock infestado de ruído, gostosa de colaborar con francotiradores como Jac Berrocal, Cathy Heyden ou Junko como neste caso.
«O LUME NON ESTÁ MORTO» din deles ao escoitar a súa música tribal e hipnótica.
Temos a gran sorte de que, xuntos todos, Junko e Mesa of the Lost Women paren no Liceo no medio da súa xira para presentarnos o seu disco titulado «I remeber how free we were» unha explosión libertaria, ruidosa e corrupta levada ao límite pola voz de Junko.

Del din:
«Liberdade cataclísmica dende o norte de Francia. Gravado nunha cova en Metz. Captura a rebelión da forma, unha ruptura, o derradeiro final na busca da liberación. Un verdadeiro berro primario, a batería de Sorro (ás veces procesada a través de efectos cutres) navega entre un ataque sen prisioneiros e un muro de ruído branco, mentres a skullfloweriana distorsión escura da guitarra de Botz eleva a relación entre movemento e efecto cada vez máis cara o efecto sen artificios. As dinámicas cambian sutilmente e todo o prato é martelado ao estilo dos Harry Pussy en 30 minutos e acompañado polos lacerantes berros que saen da gorxa de Junko.»

«Vin dúas veces a Mesa of The Lost Women:
Unha vez debaixo dunha ponte en Metz onde executaron o seu jazz morto, feito de ruído branco (Ornette Coleman), berros tolos (Albert Ayler). Diante dalgúns curiosos, a sospeita dos punks e os cans ladrando.
A outra vez foi nun bar de Nancy onde vin unha das máis fermosos e nítidas tomas de poder da miña vida.
En ambas as dúas ocasións Mesa of The Lost Women tiñan todo o que amo dun certo free jazz. Un xogo cheo de enerxía extrema no que a tensión medra. Se cadra a única diferencia entre o Interstellar Space de Coltrane e este disco son as armas empregadas. A batería segue a ser o pilar, pero reemplazando o saxo para berrar por unha guitarra que fai ás veces de martelo e outras de taladro e un canto iluminado de rabia.
Neste disco, están as dúas caras.
Nas dúas caras, dúas vidas.»

«Fatalmente defunto na súa loita a favor da liberdade, o jazz volve… Unha morte afumada e ruidosa, máis poderoso que nunca, pero interrompido e balorento, melancólico e pervertido. Está aquí para recordar antigas e ocultas ceremonias carnais»

http://mesaofthelostwomen.bandcamp.com/

http://cathy.heyden.free.fr/sons/Mesa_of_the_lost_women_230509.mp3 (con Cathy Heyden & Jac Berrocal)

Junko: http://www.youtube.com/watch?v=cd8bvXGAD6Y

Pedírase unha axuda de catro euros para cubir os gastos dos músicos.