17 agosto 2016

Monstruo



monstruo

Sábado 20 de agosto ás 20.00: Monstruo

Hai un pracer perverso en saber o que vai suceder e esperar a que se repita. Catro anos repetindo os mesmos xestos para poder ter unha falsa sensación de control ante a que o mundo aplaude. O espírito olímpico é como ter un grupo: fermoso e falso. Un ritual poderoso bañado en sufrimento e cartos. Hai quen sinte un pracer perverso en observar o monte arder todos os anos. É un ritual poderoso bañado en sufrimento e cartos. Os rituais sempre teñen lume. A xente paga por ver a Adele feliz cantando como lle romperon o corazón. Unha canción reflexa un momento e os músicos combaten contra o tempo tentando convencernos de que o pasado e o presente son compatibles. É unha contradición entre moitas: somos felices sendo tristes. Vivimos un incendio cun ritmo obsoleto.

Este sábado 20, MONSTRUO veñen ao Liceo a contradicirse. A celebrar e a combatir os praceres perversos dun concerto ofrecendo dous. Primeiro a verdade e logo a mentira: un REPERTORIO IMPROVISADO a partir de textos cos seus sentimentos desta semana e un REPERTORIO DE CANCIÓNS vellas e/ou recentes cantadas con convicción, como se estiveran feitas xusto agora. Como se houbera unha forma perfecta de dicir o que pensas. Xestos novos e descoñecidos antes de tranquilizarnos a todos coa falsa sensación de seguridade que dá a música pop.

http://monstruo.bandcamp.com/
https://www.facebook.com/m0nstruo/

Abrimos portas ás 20:00 e a entrada é á vontade

Guardar