21 febrero 2014

Nada nuevo bajo el Sol



nada

Venres 21 de febreiro ás 22.00

MALVAMOS é unha compañía nova que nace no 2010 con Niki Campos Marán e María Costa, á que se incorpora no 2011 a arxentina Laila Álvarez Vignoles.

O proxecto nace dun traballo experimental de improvisación, conversas, música e movemento levado a cabo nun período de seis meses de residencia no Teatro Ensalle (Vigo). Parte da idea/significado de “Etiqueta”, concepto entendido como simplificazón da realidade e coma un estigma da sociedade contemporánea. En ‘Nada nuevo bajo el Sol’, as etiquetas están para darlles a volta.

Non se busca un público que se sinta cómodo co que van ver, iso sería moi sinxelo, senón que na diversidade das miradas e das interpretacións topamos o noso propio enriquecemento. A dramaturxia nace do traballo en equipo e dunha dirección común cara a un tipo de montaxe que permite a proximidade. Transitando entre a orde e o caos consegue afianzar a idea de confusión e dos comportamentos impredecibles. Falar. Falar sen medos. Darse o gusto de falar e non sentirse culpable por saber que nada vai mudar, ou quizais si?

‘Nada nuevo bajo el Sol’ introdúcese nun espazo íntimo da vida de dúas mulleres dispostas a rir de si mesmas, mirarse aos ollos e recoñecer que son imperfectas. Nesta amizade vai implícita a sucesión de encontros e desencontros ao sentirse libres para dicir e facer o que queiran. A peza, como un funambulista sobre o seu arame, pendura dunha fráxil e difusa liña pola que camiña o ser humano entre luscofuscos.

Acudide, mutantes, para ter esta oportunidade de “mirar pola ventá” desta obra teatral, de introducirse nun espazo alleo e sentirse coma na casa.
Lembrade traer os vosos respectivos carnés de soci@s e vir cós petos cheos de patacos para baleiralos na gorra que pasarán os artistas ao final do espectáculo.