27 marzo 2013

Negro + Esperit!




Martes 2 de abril ás 20:00
Os protagonistas de dúas das noites máis máxicas xamais vividas no Liceo están agora mesmo xuntos, montados nunha vella Seat Inca que no seu día formou parte da flota de Telefónica, escoitando cintas e percorrendo a península nunha xira que ten parada, moi agardada, en Pontevedra. Son Mau Boada e Fer Junquera, máis coñecidos como Esperit! e Negro.

Que dicir deles? Pois que Esperit! é un simpático multiinstrumentalista que se agocha no Montseny, amigo do uso dos procesos caseiros, da melodía, da cacharrada e da improvisación con fins psicodélicos. Ten a misteriosa capacidade de transformar o ambiente dos lugares nos que toca nunha burbulla luminosa de ledicia enerxética na que dan gañas de quedar a vivir para sempre. Convén sinalar que no seu curriculum figuran proxectos como Zeidun, Omega Cinco o Les Aus, entre outros. Desta volta ven presentar o seu «Elèctric Mustela», logo de deixarnos coa boca aberta no seu día co «Endavant Continu» e o fabuloso compartido con Atomizador.


Pola súa banda, Negro, saído da canteira levantina e curtido en proxectos como Balano, Estrategia Lo Capto! ou La Orquesta del Caballo Ganador, trae aínda quente o seu «Formación del Espíritu Nacional», discazo lento, cheo de calma e de luz, no que sobrevoan ecos de Derek Bailey, Jim O’Rourke, John Fahey ou Loren Connors. Fer non necesita máis que a súa guitarra para subir ó público na súa alfombra máxica e facer unha visita guiada pola noite dos tempos. Folc anestésico, preguiceiro e vaporoso. Engadir que en Pontevedra é o único lugar do mundo onde se presta a tratar de reproducir coa guitarra os sons de fenómenos naturais que soliciten os cociñeiros de hamburguesas retirados que haxa entre o público.

http://www.playgroundmag.net/musica/articulos-de-musica/reportajes-musicales/escucha-integro-el-segundo-y-experimental-album-de-negro-formacion-del-espiritu-nacional

Isto é un «must» deses. Avisados quedades.
Por só 4 euros de donativo para os artistas.
O martes día 2 de abril ás 20.00 h. (Avisamos: puntualidade inglesa).

Cartaz da xira realizado por Clara Iris