14 julio 2019

Obradoiro de Cianotipia e Tipografía



cianotipia

Mércores 17 e xoves 18 ás 17.30

En 1843, a artista e botánica Anna Atkins iniciou a publicación do que hoxe en día é recoñecido coma o primeiro libro impreso e ilustrado con fotografías: Photographs of British Algae, un monográfico sobre as algas do Reino Unido, para cuxa elaboración non precisou cámara ningunha, senón que se serviu da cianotipia coma técnica fotográfica. Se che gusta o azul tanto coma a Anna Atkins e che apetece pasar unha tarde ao sol mutante aprendendo e experimentando xuntas con ferricianuro de potasio, citrato de ferro (III) e o teu refrixerio favorito estás de sorte! Durante a tarde do 17 de xullo aniñarán no xardín do Liceo as Alouette Machine, equipo formado por Cris e Jamba, que veñen batendo as ás dende proxectos incribles coma a Impremta Col·lectiva de Can Batlló (https://www.facebook.com/impremtacollectivacanbatllo/) ou o colectivo belga Gazette, cargadas de todo o necesario para ensinarnos a aplicar esta técnica e crear material gráfico —carteis, postais ou, por que non?, o álbum de malas herbas do Liceo Mutante—. Non dubides en traer camis, bolsas ou a funda da almofada que herdaches da túa avoa, para darlles un toque de glamour e ser a envexa da túa comunidade de veciñ@s. Todo o que se che ocorra para experimentar! Pero a cousa non queda aí, porque a tarde do 18 estas dúas laverquiñas converterán o Liceo Mutante nunha pequena imprenta onde poderás compoñer os teus mellores textos con tipografías de madeira ou tunear os cianotipos que fixeches o día anterior cunha frase molona.

Un exempliño do que ides poder facer: https://www.youtube.com/watch?v=FHnFJPi-klQ

Para todo isto propoñémosvos unha achega de 3 euros se vides un día ou de 5 se vides os dous días. Con ela poderán cubrir os gastos dos materiais e continuar as súa viaxe.